Galicia sinala no Comité das Rexións o reto de apoiar a automoción para que capte fondos europeos e avance na nova mobilidade eléctrica, sostible e conectada

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada polo Intergrupo Automobilístico do organismo europeo, onde apuntou que a Axenda Enerxética de Galicia inclúe 145 millóns de euros para promover o vehículo eléctrico, o corredor verde do norte peninsular e a transformación das flotas de transporte

Reitera a necesidade de acometer un reparto descentralizado dos fondos Next Generation, que resulte transparente e áxil

Recorda que case un de cada catro coches que se ensamblan en España saen da planta de Stellantis en Vigo; e que a pesar da pandemia e da crise de subministracións, o sector rexistrou o ano pasado unha facturación de 11.200M€ e marcou o seu mellor dato histórico en exportacións
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022.-

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada polo Intergrupo Automobilístico do Comité Europeo das Rexións na que subliñou a vontade da Xunta de seguir poñendo a disposición da industria da automoción galega medidas que reforcen a súa competitividade, explicando que Galicia ten como reto apoiar a súa industria da automoción para que poida captar fondos europeos e impulsar a nova mobilidade eléctrica, sostible e conectada.

 

Para avanzar neste eido, Guldrís sinalou que a nova Axenda Enerxética de Galicia 2030, presentada onte no Consello da Xunta, suma preto de 145M€ para impulsar o vehículo eléctrico, o corredor verde do norte peninsular e a transformación das flotas de transporte.

 

O director do Igape tamén indicou que o contexto económico actual sitúa á industria da automoción nun momento clave, motivo polo que resulta necesario ofrecer “o mellor apoio a un sector tan estratéxico para a nosa economía”. Na súa intervención, Guldrís lembrou que case un de cada catro coches que se ensamblan en España saen da planta de Stellantis en Vigo; que a pesar da pandemia e da crise de subministracións, a industria rexistrou o ano pasado unha facturación de 11.200M€ e marcou o seu mellor dato histórico en exportacións, con 8.160M€, un 12,4% máis que o exercicio anterior; e que os proxectos de Stellantis oriéntanse para situar a industria “á vangarda do sector avanzando na descarbonización”.

 
 

Un marco no que reiterou a necesidade de acometer un “reparto descentralizado” dos fondos Next Generation, que resulte “transparente e áxil”. “Estamos no momento oportuno para poñer todos os recursos dispoñibles ao servizo da dobre transformación dixital e sostible que afronta o sector; facendo do esforzo colectivo o verdadeiro motor dos grandes proxectos europeos”, concluíu.