Román Rodríguez refírese en Roma ao “éxito técnico e de xestión” da rehabilitación da Catedral de Santiago cun impacto económico estimado de máis de 250 M€

Avanza o estudo dun equipo de investigación da Universidade de Santiago que calcula resultados económicos directos durante as obras e indirectos pola actividade xerada ao seu redor “superiores ás expectativas iniciais, que se reflectiron na cadea de valor”

“A pegada histórica, espiritual e cultural da Catedral non se pode medir de xeito tanxible, pero estes datos permítennos constatar o papel como motor económico que tamén representa”, salienta o titular de Cultura da Xunta
 

Roma, 24 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, clausurou hoxe en Roma as xornadas A Catedral de Santiago de Compostela e a restauración do Pórtico da Gloria, onde fixo un repaso do traballo realizado nos últimos anos en Galicia neste eido. Referiuse a este proceso como un modelo de éxito tanto técnico como de xestión que, ademais da evidente mellora patrimonial, supuxo un notable impacto económico estimado superior aos 250M€ anuais.

 

O titular de Cultura da Xunta repasou a década na que se desenvolveu este proxecto de conservación e restauración, “dos máis complexos xamais executados nun ben declarado Patrimonio da Humanidade”, matizou. Referiuse ao esforzo de xestión e coordinación entre a Xunta e todas as administracións que trouxo consigo un investimento superior aos máis de 17M€ entre o Goberno de España e a Xunta para a restauración, á que se foron sumando novas intervencións. Uns traballos que se completaron coa recuperación da policromía do Pórtico da Gloria grazas á estreita colaboración público-privada entre a Administración e a Fundación Barrié que achegou máis de 6M€ para estas actuacións.

 

Destacou o papel central da Fundación Catedral de Santiago e o Cabido, “ademais das administracións públicas e a sociedade civil a través de distintas institucións”, indicou. “Foi un proceso complexo que incluíu preto dunha vintena de actuacións de gran envergadura que, ademais do impacto estritamente patrimonial, que foi fundamental para protexer os grandes valores culturais, comunitarios e espirituais, tamén supuxo un importante retorno económico”, engadiu.

 

Neste sentido, avanzou o estudo realizado por un equipo de investigación da Universidade de Santiago sobre a incidencia económica desta intervención que detecta un impacto directo durante a execución das obras físicas e tamén un impacto indirecto pola incidencia que a Catedral ten en ámbitos como o turismo. Así, o informe calcula que, de xeito directo as obras da Catedral e do Pórtico da Gloria teñen un impacto directo de 36,5M€, “unha extrapolación moi superior á construción civil ordinaria debido ao emprego de profesionais de alta cualificación, desde restauradores, técnicos ou especialistas”.

 

Se se fala de impacto indirecto e a actividade xerada ao seu redor, a cifra sitúase nunha horquilla dos 200M€ aos 244M€ en termos anuais, “demostrando a capacidade para a creación de desenvolvemento e emprego de calidade”. En suma, como indicou, o estudo estima un impacto económico durante as obras de entre 250M€ e 300M€ anuais. “Un impacto que superou con creces as estimacións iniciais e que tivo un impacto positivo en toda a cadea de valor”, declarou.

 

Unha situación que tamén se reflicte no emprego, coa creación de algo máis de 15 empregos por cada millón de investimento inxectado nas obras. “A pegada histórica, espiritual e cultural que representa a Catedral non se pode medir en ningunha unidade, pero estes datos permítennos constatar tamén o gran interese que posúe a Catedral e o motor económico que representa”.

 

Modelo internacional

As xornadas, que se celebraron en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago e organizadas xunto á Real Academia de España en Roma, a Escola Española de Historia e Arqueoloxía en Roma do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Instituto do Patrimonio Cultural de España, do Ministerio de Cultura, contaron coa presenza de numerosos expertos na materia como representantes da Fundación Catedral Santa María de Vitoria, do Musei Vaticani, do Museo de Victoria & Alberto así como diferentes expertos en rehabilitación patrimonial e persoas interesadas na arte e cultura.

 

Durante o encontro, no que tamén participou estes días a directora de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, a Xunta expuxo o proceso de restauración da Catedral de Santiago como modelo internacional de rehabilitación patrimonial.

Imaxes relacionadas