O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e o director xeral do IGVS, Heriberto García, mantiveron recentemente unha reunión técnica

A Xunta ultima a elaboración da Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de áreas empresariais

O obxectivo é que poida ser publicada a finais deste ano 2022

Este novo documento establece tanto medidas correctoras ou compensatorias nas áreas xa existentes como o deseño de infraestruturas verdes con solucións baseadas na natureza nos polígonos de nova creación
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ultima a elaboración da Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de áreas empresariais co obxectivo de que poida ser publicada a finais deste ano 2022.
 

O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e o director xeral do IGVS, Heriberto García, mantiveron recentemente unha reunión técnica na que avaliaron tanto a estrutura definitiva da guía como o seu ensamblaxe coa Lei de áreas empresariais de Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril.

 

De feito, na liña de garantir o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e o fomento da actividade económica, esta guía pretende servir de manual técnico para facer compatible as instalacións de servizo que precisan as áreas empresariais cos parámetros que fixan as normas de paisaxe da Comunidade.

 

Esta guía ten como base o protocolo asinado o pasado verán entre a Consellería e a Federación Galega de Parques Empresariais, que establece unha colaboración para o desenvolvemento de actuacións orientadas á protección, á investigación e á divulgación de cuestións relativas á paisaxe no eido das áreas empresariais.

 

Máis polo miúdo, este novo documento establece tanto medidas correctoras ou compensatorias nas áreas xa existentes como o deseño de infraestruturas verdes con solucións baseadas na natureza nos polígonos de nova creación.

Imaxes relacionadas