A Xunta apoia un torneo de baloncesto feminino que congrega en Lugo a xogadoras das seleccións de tres países

 Deportistas da categorías sub-20 e sub-23 de España, Holanda e Hungría disputarán esta fin de semana no Pazo dos Deportes partidos preparatorios de cara aos campionatos europeos
 
O delegado territorial, Javier Arias, destaca que os encontros serán de acceso libre e gratuíto ata completar aforo
 
A iniciativa Basket Feminino no Camiño Primitivo está organizada pola asociación Drocer
Lugo, 23 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia apoia a iniciativa Basket Feminino no Camiño Primitivo, que promove a asociación Drocer e que esta fin de semana congregará en Lugo a xogadoras da categoría sub-20 das seleccións de España, Holanda e Hungría.

 

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta iniciativa xunto coa presidenta de Drocer, Ana Ónega, e deportistas representantes de cada unha das seleccións participantes.

 

Explicaron que os encontros disputaranse no Pazo dos Deportes mañá día 24, o sábado 25 e o domingo 26 con acceso libre e gratuíto ata completar aforo. Participarán catro combinados integrados por xogadoras das categorías sub-20 dos tres países e o equipo sub-23 da selección española.

 

O torneo servirá como preparatorio para os campionatos europeos e as deportistas sub-20 de España quedarán durante a próxima semana en Lugo, onde realizarán os seus adestramentos e terán a oportunidade de visitar a cidade e a contorna.

 

Arias gabou a iniciativa e celebrou que Lugo acolla “espectáculos de deporte internacional destas características, que fomentan o baloncesto a práctica deportiva no municipio”, ademais de “axudar á dinamización económica” e “á proxección exterior da cidade e da provincia”. 

 

Horarios

O torneo comeza mañá venres ás 18.00 horas co partido entre Hungría e Holanda; seguido do encontro entre os equipos España sub-20 e sub-23 ás 20.30 horas. O sábado ás 18.00 mídense Hungría e España sub-23; e ás 20.30 horas España sub-20 e Holanda. Por último, o domingo pechan a programación España sub-23 e Holanda ás 17.00 horas; e España sub-20 e Hungría ás 19.30 horas.

Imaxes relacionadas