O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participa na Conferencia Sectorial de Educación

A Xunta adiántase ao ministerio na implantación do Plan Dixital de Centro e na acreditación destas competencias aos docentes

Román Rodríguez explica que Galicia xa ten avanzado o deseño do modelo de Marco de Referencia para categorizar a cualificación do profesorado que agora se vai aplicar no conxunto do Estado

Ademais, ao abeiro da Estratexia Educación Dixital 2030, ten en marcha o proceso de elaboración dos plans dixitais de cada centro de ensino

Madrid, 23 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na Conferencia Sectorial de Educación, na que se acordou avanzar na consecución das competencias dixitais polos docentes, así como na implantación dos Plans Dixitais de centros.

O representante da Xunta de Galicia explicou que o seu departamento xa se adiantou en ambas tarefas, xa que Galicia xa ten avanzado o deseño do modelo de Marco de Referencia para categorizar o recoñecemento da competencia dixital docente mediante un sistema similar ao establecido para as Escolas Oficiais de Idiomas, no que se estipulan varios niveis.
 

“Seguiremos a traballar nesta liña, formando profesorado e ultimando o sistema de acreditación para poñelo en marcha o curso que vén”, explicou Román Rodríguez. Neste eido, o responsable autonómico de Educación precisou que no ano académico actual realizáronse 2.500 actividades de formación do profesorado neste ámbito.

O representante da Xunta de Galicia explicou tamén que a Estratexia Educación Dixital 2030, presentada o pasado mes de setembro, establece que cada centro conte cun Plan Dixital está enfocado á mellora da competencia dixital da comunidade educativa no seu conxunto co fin de sacarlle o máximo rendemento ao uso das tecnoloxías dixitais aplicadas ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e de conseguir que as escolas sexan organizacións educativas dixitalmente competentes.
 
Tal e como sinalou o conselleiro, a posta en marcha dos Plans Dixitais de centros implica a creación da Rede Galega de Educación Dixital, con 80 docentes especialistas no ámbito dixital que acompañarán aos centros educativos no proceso de deseño, elaboración e implementación do seu Plan Dixital, que deberá estar totalmente operativo o vindeiro curso 2022-23. “De feito, cónstanos que os centros educativos galegos xa están a traballar na preparación de cadanseu plan dixital”, engadiu o conselleiro.

Imaxes relacionadas