A Xunta presenta no País Vasco as claves da súa futura Lei do clima para acadar unha Galicia neutra en emisións en 2050

Esta nova normativa permitirá consolidar a acción climática como unha prioridade transversal, polo que todas as medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático serán vinculantes para o resto das políticas públicas da Comunidade

O Goberno galego impulsou recentemente a Alianza galega polo clima, unha iniciativa que vén a sumarse ao Pacto das Alcaldías
 

Bilbao (Biscaia), 23 de xuño de 2022

A Xunta presentou hoxe no País Vasco as principais liñas da súa futura Lei do clima, clave para acadar unha Galicia neutra en emisións en 2050.  Durante a II Xornada de intercambio de experiencias: acción climática e enerxética a nivel autonómico, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, puxo en valor o modelo galego para avanzar na senda da redución das emisións, tal e como marca a Unión Europea, que establece unha diminución do 55% con respecto a 1990.

 

Durante o encontro celebrado na Universidade de Deusto, a directora xeral salientou que esta nova lei permitirá consolidar a acción climática como unha prioridade transversal, polo que todas as medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático serán vinculantes para o resto das políticas públicas galegas. Establecerá, polo tanto, unha nova orde de prioridades na política, na economía, na industria e na vida cotiá, na liña do nivel de preocupación internacional neste eido.

 

Galicia xa leva tempo traballando para garantir o equilibrio entre a preservación dos recursos e o desenvolvemento económico sostible. É xa a terceira comunidade que máis diminuíu as súas emisións con case un 36% respecto do nivel de 1990, o que supón máis de 30 puntos porcentuais de diferencia co nivel de emisións do conxunto do Estado.

 

A maiores, na liña de sumar esforzos nesta estratexia, a Xunta impulsou recentemente a Alianza galega polo clima, unha iniciativa no marco da cal se identificarán os factores que obstaculizan a acción contra o cambio climático e se fixarán e consensuarán as propostas para resolvelos. Esta medida vén a sumarse á labor coordinadora que realiza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no Pacto das Alcaldías, que conta xa con 285 concellos adheridos.

Imaxes relacionadas