A Xunta somete a información pública a aprobación inicial do proxecto de interese autonómico do parque empresarial do Corgo

A ampliación do parque ocupará 203.049 m2, dos que 118.244 m2 serán parcelas

O investimento previsto para a adquisición do solo, a urbanización e a dotación de servizos exteriores, entre outras actuacións, supera os 8,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia someterá a información pública durante o prazo dun mes a aprobación inicial do Proxecto de interese autonómico para a ampliación do parque empresarial do Corgo (Lugo), segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

 

A ampliación do polígono do Corgo ocupará unha superficie total de 203.049 metros cadrados, dos que 118.244 metros corresponderán ás parcelas en que se divida.

 

O orzamento previsto para a ampliación do parque empresarial supera os 8,5 millóns de euros, estando previsto que este mesmo ano se adquira o solo necesario por importe de máis de 1,24 millóns. Parte deste solo xa é propiedade de Xestur.

 

A licitación das obras de urbanización está prevista para o terceiro trimestre de 2022, por un importe de máis de 3,5 millóns de euros. Ademais, será necesario destinar máis de 3 millóns de euros ao servizos exteriores do parque —subministro eléctrico, abastecemento de auga e saneamento—. O resto do investimento corresponde a traballos técnicos e outros gastos.

 

Cómpre lembrar que o concello do Corgo xa dispón dun parque empresarial promovido por Xestur, que conta con máis de 92.000 metros cadrados de parcelas, que se atopan vendidas na súa totalidade.