A Xunta apoia á asociación de veciños de Alvite de Beariz no acondicionamento do exterior do seu novo local e na dotación de equipamento informático e audiovisual

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asistiu hoxe á inauguración do centro social en cuxa posta en marcha colaborou o Goberno galego

Beariz (Ourense), 23 de xuño de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe na inauguración do centro social da asociación de veciños de Alvite do concello ourensán de Beariz no que se levaron a cabo melloras realizadas co apoio da Xunta.

A través dunha axuda do Plan específico de acción comunitaria, destinadas a asociacións, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais, o Goberno galego colaborou con esta entidade veciñal do núcleo de Alvite no acondicionamento exterior do local social, así como na dotación de equipamento informático e audiovisual cunha achega de máis de 31.000 euros nas convocatorias de 2020 e 2021.

As obras incluíron a colocación de lousas de pedra no acceso a algunhas estancias, a plantación de árbores tipo camelia no xardín, así como a colocación de valado na parte traseira e a habilitación dun espazo para realizar proxeccións de cine ao exterior en verán. Tamén se realizou a acometida da instalación eléctrica e das redes de abastecemento e de saneamento.

Ademais, a colaboración da Xunta permitiu dotar ao centro social de mobiliario e equipamento audiovisual cun novo proxector de imaxe, unha pantalla para o proxector, equipo de son, ordenador portátil, impresora láser e cadeiras abatibles.

Na clausura do acto, Natalia Prieto lembrou que o orzamento para as axudas concedidas ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, incrementouse este ano nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros.

Así, incidiu en que este reforzo encádrase na aposta da Xunta pola dinamización do asociacionismo veciñal e pola mellora da calidade da vida local. Deste xeito, os investimentos da Xunta van dirixidos a sufragar os gastos ocasionados como consecuencia de actuacións realizadas en inmobles da titularidade das entidades solicitantes, ou dos que teñan dereito de uso, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento

En concreto, no marco das axudas do Plan de acción comunitaria fináncianse traballos de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais xunto coa compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.