A Xunta e o concello de Lugo asinan o convenio para colaborar nas obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa

O convenio facilitará a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa para adaptalo ao cambio na demanda asistencial que vai experimentar unha vez se poña en marcha o Centro Integral de Saúde do Barrio da Residencia

O Sergas encomendou xa á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión da redacción do proxecto e da execución das obras, atopándose neste momento en preparación os pregos para licitar a contratación do proxecto arquitectónico
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022.

 A Xunta e o Concello de Lugo veñen de asinar o convenio que establece as bases de colaboración entre ambas administracións respecto da obra de reforma que o goberno galego vai executar no centro de saúde de A Milagrosa, na cidade lucense, cuxo orzamento total precisarase unha vez se remate o proxecto arquitectónico pero que se estima en arredor de 2,5 millóns de euros.

 

No convenio, que o conselleiro remitira á alcaldesa o pasado marzo solicitando a colaboración municipal no proxecto, a administración autonómica asume o compromiso de contratación de proxecto e obra mentres que o concello asume o de regular na ordenanza fiscal a exención do IBI para os centros sanitarios de titularidade autonómica así como o de modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras para recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do centro de saúde da Milagrosa dita consideración.

 

A reforma do Centro de Saúde de A Milagrosa en Lugo figura na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021. Na diagnose do Plan priorizouse a necesidade desta reforma xa que este centro de saúde, de 48 anos de antigüidade, ocupa os espazos dun antigo sanatorio nun edificio de 4 plantas con problemas de accesibilidade e de funcionalidade e tamaño nos espazos asistenciais de consultas e salas.

 

Ademais, a próxima posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Lugo no barrio da Residencia, tralo investimento de 12 millóns de euros por parte do goberno galego, mudará a demanda asistencial en A Milagrosa.

 

Nese sentido, formulouse un plan funcional que prevé, dentro da reforma integral do centro, situar 6 consultas de medicina de familia, 6 de enfermería, 1 despacho de traballador social, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 2 consultas de docencia e 2 salas polivalentes; ademais de espazos como almacén, sala de espera, aseos, zona de admisión, sala de estar do persoal, vestiarios, sala de xuntas, oficios...

 

Nos orzamentos deste ano 2022 dentro da partida de 4.203.320 para “Reformas e melloras de centros de saúde” existen 2,6 millóns de euros para licitar as obras de reforma de centros de saúde que figuren na prioridade 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria adicando a cantidade de 500.000 euros ao Centro de Saúde de A Milagrosa.

 

A tal efecto, o Diario Oficial de Galicia de 21 de marzo publicou a encomenda que o Sergas fai á Axencia Galega de Infraestruturas para xestionar a redacción do proxecto e a execución das obras, atopándose neste momento en preparación os pregos para licitar a contratación do proxecto arquitectónico.

 

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Lugo

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 que están en marcha (construción do CIS de Lugo e do CIS de Lalín e reformas en Arnoia, Ribadavia e O Porriño) En total, a Administración autonómica investiu, nestes 13 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Carballedo, Sarria, Monterroso ou O Saviñao.

 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Palas de Rei, Xermade ou Portomarín.

 

Para continuar con este esforzo, en 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Lugo, prevé a construción de seis novos centros de saúde e seis reformas e ampliacións.

 

Así, a fase 0 do Plan contempla a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, cuxo proxecto está xa en fase de supervisión e cuxa obra será encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas por importe de 1,2 millóns de euros.

 

Na fase 1 contémplanse novos centros en Pantón, Ribadeo e no barrio do Sagrado Corazón en Lugo así como a reforma deste centro de saúde de A Milagrosa en Lugo, a reforma e ampliación do de Meira (para a que xa está asinado un convenio co concello) e a ampliación de Outeiro de Rei (para a que xa está asinado o protocolo co concello). 

 

Na fase 2 proxéctanse a construción de novos centro en Guntín e Becerreá e as reformas dos de Foz, Ribas de Sil e do da Praza de Ferrol en Lugo.