Ortiga fusiona a verbena galega e os ritmos urbanos actuais para celebrar mañá o día da música no Gaiás

A veterana cantante Pili Pampín, Boyanka Kostova, Grande Amore e Conjunto Amistá acompañarán ao compostelán no seu concerto na Cidade da Cultura

O Museo Centro Gaiás acollerá a actuación na noite do 24 de xuño, ás 21,00 horas, con acceso libre ata completar capacidade
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022.-

A Xunta dá a benvida ao verán e celebra o Día da Música cun concerto especial na Cidade da Cultura de Ortiga, proxecto do músico compostelán Manuel González, Chicho, que fusiona verbena galega, ritmos latinos e música urbana. Será mañá venres 24 de xuño ás 21,00 horas no Museo Centro Gaiás, con entrada de balde ata completar capacidade.

 

Ortiga estará acompañado na Cidade da Cultura por varios dos seus colaboradores habituais, entre os que se contan tanto integrantes das bandas máis novas que están a soar dentro e fóra de Galicia como figuras clásicas da verbena galega. Canda o compostelán subirán ao escenario os integrantes de Boyanka Kostova, Grande Amore e Conjunto Amistá, ademais da coñecida cantante Pili Pampín, con quen Ortiga lanzou este ano a versión cumbiatune da popular canción Eu chorar, chorei.

 

Secuenciadores, guitarra e autotune caracterizan o son do compostelán, que no seu último traballo abre as súas influencias a outros ritmos como a salsa, o funk e ata fai algunha incursión no pop. Unha mestura que convida ao baile e a gozar da festa, como poderán comprobar as persoas que se acheguen mañá pola noite ao Gaiás.

Imaxes relacionadas