O 061 de Galicia aconsella precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras na noite de San Xoán

A Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal ante o incremento do número de chamadas por intoxicacións, accidentes de tráfico e queimaduras

Durante a Noite de San Xoán do ano 2021, atendéronse 26 intoxicacións, 4 accidentes de tráfico, con tres persoas implicadas, e unha queimadura provocada polas fogueiras
 

A Estrada (Pontevedra), 23 de xuño de 2022.-

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da Noite de San Xoán.

Un ano máis, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico e as queimaduras producidas no ámbito das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

No caso de celebrar a tradicional festividade das fogueiras de Xan Xoán é importante seguir os seguintes consellos:

 

En primeiro lugar, as fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

 

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume, se debe evitar que os nenos se acheguen ás fogueiras e extremar as precaucións.

 

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria, para evitar que as chamas e o fume se dirixan cara vostede e así non sufrir lesións por lume e inhalación de fumes.

 

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e móvase ou quede quedo mentres as apagan.

 

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

 

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

 

San Xoán 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na Noite de San Xoán do pasado ano 26 intoxicacións, catro accidentes de tráfico, con tres persoas implicadas, e unha queimadura provocada polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 21,00 horas, do mércores 23 de xuño, ata as 09,00 horas, do xoves 24 de xuño.

 

Pontevedra con 12 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguidas da Coruña con 10, e Lugo e Ourense con dous ambas as dúas. Para asistir ás 26 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou dous ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, catro equipos sanitarios de atención primaria e 21 ambulancias asistenciais de soporte vital básico. Cinco persoas foron atendidas no punto e non requiriron traslado, dúas foron trasladadas ao centro de saúde e 19 a un centro hospitalario.

 

Ademais, na Noite de San Xoán do ano pasado atendeuse unha persoa, menor de idade, por queimaduras na provincia da Coruña que foi trasladada a un centro sanitario.

 

No caso dos accidentes de tráfico foron asistidas tres persoas en catro accidentes de tráfico. Dous sinistros producíronse na provincia da Coruña, un en Pontevedra e un en Ourense.