A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde nunha charla impartida no centro cívico de Canido

A Xunta achega á comarca de Ferrol unha nova campaña informativa na que debulla as claves da factura da luz

O obxectivo é asesorar aos cidadáns en relación a este servizo básico sobre o que, dende o ano pasado, se incrementaron as consultas e reclamacións en máis dun 100%

Ferrol, 22 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde en Ferrol nunha charla informativa sobre a tarifa da luz. A iniciativa enmárcase dentro da nova campaña informativa impulsada pola Xunta de Galicia para asesorar e aconsellar en relación a este servizo básico que afecta a toda a cidadanía.

Coa vontade de achegar esta información ao maior número de persoas consumidoras, o Goberno galego ofrece a todos os concellos a oportunidade de colaborar nesta iniciativa e ofrecer aos seus veciños unha xornada informativa presencial impartida polos técnicos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC).

“O número de consultas e reclamacións en relación ao servizo da luz incrementouse dende o pasado ano en máis dun 100%, polo que dende a Xunta consideramos imprescindible achegarnos á poboación e realizar estas xornadas en colaboración cos concellos”, indicou Aneiros.

Nesta ocasión, a charla impartiuse no centro cívico de Canido e nela achegouse asesoramento sobre os conceptos básicos que figuran na factura da luz, así como a adopción de decisións que poidan redundar no aforro deste recibo. Aos participantes tamén se lles trasladaron diferentes recomendacións como a de solicitar as ofertas comerciais sempre por escrito ou a de ter cautela á hora de contratar fórmulas de cálculo do prezo da luz de difícil comprensión.

Durante o encontro, tamén se informou aos asistentes da iniciativa Venres de Consumo responde, unha proposta virtual coa que o IGCC atende os venres ás 12.30 horas en aberto, as dúbidas de consumidores a través da aula virtual do organismo.

Así mesmo, lembróuselles que poden facer uso do servizo telefónico de información gratuíta 900 231 123, que funciona de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas de luns a venres, ou achegarse con cita previa á oficina do IGCC de Ferrol. Ademais está habilitado un formulario na web do organismo a través do que se poden remitir as dúbidas por correo electrónico.

Ademais da charla en Ferrol está prevista para o próximo día 30 outra no Casino Mugardés, en Mugardos, a partir das 18.00 horas.

Imaxes relacionadas