A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou nunha videoconferencia co resto de Comunidades e co Ministro de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, José Luis Escrivá

A Xunta demanda ao Goberno central que financie todos os gastos que están a ter as Comunidades Autónomas na atención a refuxiados ucraínos

Insta a sufragar tamén as axudas postas en marcha para a atención das necesidades básicas destas persoas ou a escolarización na etapa de 0 a 3 anos

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola, Fabiola García, solicitou hoxe ao Goberno central que financiase todos os gastos que están a ter as Comunidades Autónomas na atención a refuxiados ucraínos. Fíxoo esta tarde nunha videoconferencia que mantivo con representantes do resto das Comunidades Autónomas e co ministro de Inclusión, Seguridade Social y Migraciones, José Luis Escrivá.

 

Fabiola García instou ao Executivo nacional a ampliar o financiamento destinado a atender a persoas que foxen do conflito armado de Ucraína a máis áreas que a sanitaria e a educativa. Recordou que a Administración autonómica tamén está a achegar axudas a estas persoas para as súas necesidades básicas, como a compra de alimentos ou produtos de hixiene, ou na escolarización educativa na etapa de 0 a 3 anos, entre outros.

Unidade información

Así mesmo, a conselleira puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa atención aos refuxiados ucraínos. Neste sentido, recordou a posta en marcha dunha unidade móbil de información, que conta cunha intérprete e cunha traballadora social para ofrecer asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición. A oficina itinerante comezou o seu percorrido en abril e visita as localidades con maior presencia de refuxiados para que poidan acceder aos servizos de maneira sinxela e áxil.

Imaxes relacionadas