A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu hoxe en Santiago a xuntanza da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia

O Goberno galego reforzará a xunta arbitral de transportes en resposta ás demandas do sector, co que comparte a reclamación ao Goberno de medidas eficaces fronte ao prezo dos carburantes

A Xunta e os axentes da cadea loxística plasman nun documento de consenso as medidas estruturais necesarias para facilitar o labor do transporte de mercadorías en Galicia, logo de identificar as principais necesidades nas mesas sectoriais celebradas

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022 O Goberno galego reforzará a Xunta Arbitral de Transportes atendendo ás demandas do sector, co que comparte a reclamación ao Goberno de España de medidas eficaces para facerlle fronte á escalada de prezos dos combustibles.

 

Así o anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras a xuntanza esta mañá da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia. Nese encontro, presidido por Vázquez Mourelle, participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, os representantes das federacións de transportistas por estrada, dos cargadores, dos intermediarios e o Clúster da Función Loxística de Galicia.

 

A reunión serviu para poñer en común o traballo realizado nos últimos meses a través de diferentes encontros sectoriais, que serviron para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística e deseñar medidas que acheguen solucións.

Así, no encontro de hoxe, a Xunta e os axentes da cadea loxística plasman nun documento de consenso as medidas estruturais necesarias para facilitar o labor do transporte de mercadorías en Galicia.

 

Ethel Vázquez informou do acordo arredor dunha serie de medidas concretas que inclúen medidas para desenvolver desde o Goberno galego e contribuír ao funcionamento harmónico do transporte de mercadorías e da cadea loxística en Galicia.

 

Trátase, dixo, de medidas que buscan favorecer unha maior información e competitividade, como a posibilidade da obtención do Certificado de Aptitude Profesional (CAP) de xeito telemático, como demandaba o sector.

 

Avanzou, tamén, o reforzo das inspeccións, con especial atención aos principais focos de incumprimento detectados, que son os tempos de descanso, os prazos de pago, as cargas e descargas, ou o uso de gasóleo indebido. E crearase un portal de denuncias anónimas para poñerlle freo á competencia desleal e abusiva.

 

A conselleira destacou especialmente o compromiso adquirido pola Xunta de impulsar a creación de zonas de descanso para transportistas aproveitando instalacións privadas xa existentes, fundamentalmente as áreas de servizo. 

 

Xunto con isto, anunciou que de forma inmediata, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade modificará a súa estrutura para reforzar a Xunta Arbitral de Transportes, incrementar os recursos deste organismo e garantir unha maior axilidade na emisión de resolucións e acurtar os prazos de tramitación ante os conflitos que xorden na actividade do transporte.

 

Para iso, dixo, a Xunta contará con persoal especializado que examinará inicialmente as reclamacións e permitirá un maior impulso na tramitación dos procedementos arbitrais coas máximas garantías para todas as partes.

 
Medidas fronte aos prezos dos combustibles

A conselleira explicou que durante a xuntanza quedou acreditado que o principal problema que afronta o transporte de mercadorías actualmente ten que ver coa “escalada insostible dos prezos dos carburantes”, unha grave ameaza para o sector.

 

Os participantes da Mesa do Diálogo constataron que a bonificación dos 20 céntimos que se vén aplicando desde o 1 de abril e que se prevé deter o 1 de setembro resultou insuficiente, pois os prezos dos combustibles en España pasaron a superar a media europea, cando historicamente sempre estiveron por debaixo.

 

Ethel Vázquez alertou da situación de “asfixia” que vive o sector do transporte de mercadorías, motivo polo que todos os participantes na Mesa do Diálogo coincidiron na necesidade de que o Goberno de España impulse unha serie de cambios normativos que contribúan á mellora da situación da cadea do transporte terrestre e adopte medidas conxunturais imprescindibles para paliar o forte incremento dos prezo dos combustibles.

 

Entre esas medidas, demándase que se tramite ante a Comisión Europea unha excepcionalidade que permita a rebaixa temporal do tipo mínimo do imposto Especial sobre os Hidrocarburos, unha medida cun dobre impacto, porque permitiría tamén unha redución do pago do IVE.

 

Ademais, a Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías de Galicia, informou Ethel Vázquez, comparte a necesidade de impulsar liñas de axuda directas, de xestión sinxela, como incentivos fiscais que minoren o impacto da suba de prezos dos combustibles na economía das empresas.

 

Coincidiron en apuntar como “imprescindible” que se realice un seguimento intenso e transparente da aplicación de todas estas medidas para garantir a súa efectividade.

 
Medidas normativas estruturais

Finalmente, a Mesa do Diálogo acordou a necesidade de adoptar tamén iniciativas de carácter estrutural, fomentando modificacións normativas para a ordenación do transporte. Así, a conselleira sinalou a necesidade de aclarar na lexislación laboral as obrigas en relación coas cargas e descargas, ou o impulso dun sistema que repercuta axeitadamente o custo variable do gasóleo e outros gastos na conta das empresas cargadoras.

 

Solicítase, tamén, que se dea acceso ao uso de gasóleo profesional aos transportes de mercadorías de entre 3.500 e 7.500 kg, posto que actualmente está reservado para os vehículos de máis de 7.500 kg, para o transporte de viaxeiros e taxis; así como a supresión definitiva do sistema de tributación por módulos, tal e como estaba previsto.

 

Finalmente, os integrantes da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías apostaron pola elaboración dun Código de Boas Prácticas nas relacións entre cargadores e transporte final que procure melloras organizativas e permita unha mellor planificación e a redución das esperas para o condutor.

Imaxes relacionadas