O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 1ª do Parlamento

A Xunta mobilizou nos últimos 4 anos un investimento de 4,7 M€ para humanizar e impulsar sendas seguras, sostibles e saudables en máis 6 quilómetros da estrada OU-536

Francisco Menéndez concreta que a Xunta executará sendas nesa vía autonómica nas Vendas e en Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar, cun investimento de 1,1 M€
 

Destaca que estas actuacións están incluídas no Plan de sendas para a comarca de Ourense, que supón un investimento de 7,1 M€ e a execución de 16,7 km de itinerarios
 

Explica que a selección de actuacións é froito de estudos elaborados con criterios técnicos, de consultas ás administracións implicadas e procesos de información pública aos cidadáns
 

Subliña que a Xunta acometeu case 200 km de sendas en Galicia entre 2016 e 2021 para protexer aos usuarios vulnerables nas estradas autonómicas
 

Indica que o Goberno galego seguirá construíndo sendas en novas comarcas e nas cidades, como a que conectará Ourense de norte a sur, cun orzamento de 4,5 M€
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

A Xunta leva mobilizado nos últimos 4 anos un investimento de 4,7 millóns de euros para impulsar a humanización e a disposición de sendas seguras, sostibles e saudables ao longo de máis de 6 quilómetros da estrada OU-536.

 

Así o salientou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 1ª do Parlamento, onde concretou que o Goberno galego executará sendas nesta estrada autonómica na zona das Vendas e en Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar, cun investimento de 1,1 millóns de euros.

 

Subliñou que estas actuacións están incluídas no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense, que supón a execución de 16,7 quilómetros de itinerarios en 5 concellos e cun investimento total de 7,1 millóns de euros.

 

Explicou que o proceso de selección de sendas se estrutura a partir de estudos, elaborados con criterios técnicos, con consultas ás administracións implicadas e con procesos de información pública para que calquera cidadán achegue as súas propostas.

 

Reiterou que a Xunta somete a criterios técnicos obxectivos todas as decisións de investimentos que realiza, xa sexa o Plan de reforzos de firme, resultado da inspección dos servizos provinciais; a Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes; ou o Plan de Sendas de Galicia.

 

Fixo fincapé na aposta do Goberno galego nos últimos anos por protexer os peóns nas estradas autonómicas, que se materializou na construción de case 200 quilómetros de sendas entre 2016 e 2021.

 

Avanzou que a Xunta continuará progresando nos vindeiros anos nunha dobre vertente. Por un lado, sinalou que se continuarán estendendo estas sendas en novas comarcas, para o que se están a ultimar os traballos de definición das estratexias.

 

Por outro lado, apuntou que se impulsarán sendas metropolitanas para peóns e ciclistas nas cidades galegas, como o caso de Ourense, na que se está a deseñar un itinerario que conectará a cidade de norte a sur, cun orzamento autonómico de 4,5 millóns de euros.