A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Sanxenxo de dous treitos das estradas PO-308 e PO-364 ao seu paso por Portonovo

Materialízase a transferencia destes treitos, seguindo o previsto no acordo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co Concello para humanizar a PO-308 en Portonovo mediante un investimento de 2,3 M€

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Sanxenxo de dous treitos das estradas autonómicas PO-308 e PO-364, ao seu paso polo núcleo de Portonovo.

 

A través deste decreto materialízase a transferencia de titularidade destes treitos, no marco do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Sanxenxo para humanizar a estrada autonómica PO-308 en Portonovo.

 

No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 9 de xuño: https://bit.ly/3nd0rI8 .

 

Co fin de acadar un funcionamento da rede viaria máis acorde ás necesidades do municipio, o Concello de Sanxenxo asume a transferencia do dominio público viario asociado, agás calzada e beiravías.

 

Mediante o citado convenio impúlsase unha ambiciosa actuación para transformar en rúa a contorna viaria do núcleo de Portonovo, grazas a un investimento de 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta achega o 70%, é dicir, 1,6 millóns, mentres que do importe restante faise cargo o Concello.

 

O Concello de Sanxenxo comprometeuse a aceptar a transferencia de titularidade de todo o dominio público asociado, agás a calzada e as beiravías, do treito da PO-308, entre os puntos quilométricos 18+940 e 19+760; e do treito inicial da PO-364, entre os puntos 0 e 0+300, que constitúe o acceso ao porto de Portonovo.

 

A entidade local, ademais, é responsable de redactar o proxecto e de contratar as obras, que teñen un prazo de execución de 15 meses. O obxectivo é inicialas en setembro para non prexudicar a actividade turística durante o verán e telas rematadas o vindeiro ano.

 

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

 

Co cambio de titularidade, o Concello terá así competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

 

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, desde mañá.