O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe con representantes do sector da lousa de Valdeorras e visitou os antigos terreos mineiros de Pizarras Tranquila e de Pena Pandela

Galicia inviste 1,5 M€ en fondos europeos para a recuperación de dous espazos mineiros en Valdeorras

Trátase de dous dos nove terreos mineiros aos que Galicia vai destinar, en total, 3,6 M€ para a súa restauración

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 22 de xuño de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia vai investir 1,5 M€ de fondos europeos para a restauración de dous antigos espazos mineiros do municipio de Carballeda de Valdeorras: Pizarras Tranquila e Pena Pandela.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, Conde mantivo esta mañá un encontro con representantes do sector da lousa na comarca e visitou os terreos destas antigas explotacións. Trátase de dous dos nove espazos mineiros aos que Galicia vai destinar, en total, 3,6 M€ para a súa restauración, no marco dos fondos que o Goberno central asignou ás comunidades autónomas para este fin.

O vicepresidente económico defendeu que o sector mineiro galego aposta por aproveitar de maneira racional, ordenada e eficiente os recursos cun mínimo de impacto ambiental. E, nesta liña, asegurou que tanto a restauración de espazos mineiros como a valorización dos recursos xeolóxicos son clave para fomentar a sustentabilidade nesta industria.

Segundo dixo, este é un dos principais obxectivos da Axenda de Impulso da Minería Sostible que a Administración autonómica está elaborando en consenso co sector. Busca, impulsar a innovación tecnolóxica e o talento; fomentar a integración ambiental, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro de Galicia; e convertelo nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega.

Conde apuntou que arredor do 8% da produción mineira de España sae de Galicia (246 M€ en 2020). E, no que respecta á industria da lousa, sinalou que o peso das exportacións galegas a nivel nacional é do 70%.

Imaxes relacionadas