Ignacio Maestro interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

O director xeral de Mobilidade destaca as axudas da xunta de 3,5 M€ para paliar o impacto da suba do carburante no transporte de viaxeiros e urxe ao Goberno medidas inmediatas no sector de mercadorías

Remarca que, a través destes incentivos, o Goberno galego garante o equilibrio das concesións de transportes público interurbano de viaxeiros, da súa competencia directa, asegurando a prestación dun servizo esencial á cidadanía e o emprego no sector
 

Subliña que a Xunta achegou xa case 500.000 € de liquidez ás empresas para aliviar o déficit xerado polo aumento do gasto en combustible entre xaneiro e abril, e avanza que nos próximos días se liquidará a axuda de 200.000 € correspondente ao mes de maio
 

Lembra outras axudas da Xunta para compensar a caída da demanda e dos ingresos no transporte interurbano: achegando 12 M€ de fondos propios en 2021; e adiantando en 2020 os cartos do fondo covid estatal, que o Goberno non repartiu ata novembro

Reclama ao Goberno central as rebaixas fiscais comprometidas ao sector de mercadorías para evitar que os transportistas inicien un novo paro con graves consecuencias para os sectores produtivos
 

Avanza que esta mesma mañá a Xunta celebra unha nova xuntanza co sector do transporte e da loxística para consensuar as actuacións prioritarias que faciliten o funcionamento harmónico e permanente da cadea loxística en Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 xuño de 2022

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe as axudas que ten activas o Goberno galego, de 3,5 M€, para paliar o impacto da suba do carburante no transporte interurbano de viaxeiros e urxiu ao Goberno de España a adoptar medidas inmediatas no sector do transporte de mercadorías, de competencia directa estatal.

En resposta a unha pregunta no marco da Comisión 2ª do Parlamento galego, o director xeral de Mobilidade explicou que, para frear o impacto do encarecemento excepcional dos combustibles, a Xunta aprobou no mes de marzo unha liña de axudas directamente vinculadas ao prezo do gasóleo dotada con 3,5 millóns de euros.

Trátase de incentivos cos que o Goberno galego garante o equilibrio das concesións de transporte público interurbano de viaxeiros, de competencia autonómica, asegurando a prestación dun servizo esencial á cidadanía e o emprego no sector.

Ignacio Maestro explicou que, a través destas axudas, a Xunta achegou xa case 500.000 euros de liquidez ás empresas para aliviar o déficit xerado polo aumento do gasto en combustible desde o mes de xaneiro ata a abril. Concretou que estes incentivos chegan a supoñer unha inxección de liquidez de ata 8.000, 10.000 ou 28.000 euros mensuais, segundo os quilómetros percorridos por cada concesión.

Avanzou, ademais, que nos próximos días a Xunta liquidará a axuda correspondente ao mes de maio, por importe de 200.000 euros.

Ignacio Maestro puxo en valor todo o traballo realizado polo Goberno galego para compensar a caída drástica da demanda e dos ingresos no transporte interurbano de viaxeiros: durante o ano 2020 adiantando ás empresas concesionarias os cartos do fondo covid-19 estatal, que o Goberno de España non repartiu ás comunidades ata o mes de novembro; ao longo do ano 2021, con máis de 12 M€ de fondos propios, en compensación pola caída dos ingresos; e neste 2022 coas axudas de 3,5 M€ habilitadas para frear o impacto do encarecemento dos carburantes no sector do transporte interurbano de viaxeiros.

O director xeral de Mobilidade subliñou a determinación da Xunta para activar mecanismos ante a escalada do prezo dos carburantes no ámbito das súas responsabilidades directas, no transporte interurbano de viaxeiros por estrada; e tamén poñendo solucións enriba da mesa no sector do transporte de mercadorías, de competencia directa do Goberno central.

A este respecto urxiu ao Goberno central que aplique xa as rebaixas fiscais comprometidas ao sector de mercadorías para evitar que os transportistas inicien un novo paro que aboque a un colapso na actividade e que suporía graves consecuencias nos sectores produtivos.

Pediu que “por unha vez, o Goberno demostre iniciativa na busca de solucións a medio e longo prazo”, a través da baixada de impostos e negociando coa Comisión Europea a suspensión excepcional e temporal dos tipos mínimos do imposto especial dos hidrocarburos, para poder limitar dunha forma importante o seu impacto no prezo dos combustibles.

En contraposición, salientou a actitude proactiva da Xunta na busca de solucións e adiantou que, esta mesma mañá, se celebrará unha nova xuntanza co sector do transporte e da loxística para consensuar as actuacións prioritarias que faciliten o funcionamento harmónico e permanente da cadea loxística en Galicia.