Turismo de Galicia promociona o Xacobeo en Hamburgo e invita aos alemáns a camiñar a Galicia neste Ano Santo

Os territorios da actual República Federal de Alemaña contan con moita vinculación co fenómeno xacobeo dende a alta Idade Media

Na xornada participaron medio cento de turoperadores turísticos e representantes do Clúster de Turismo de Galicia que mantiveron diversos encontros de traballo
 

Hamburgo (Alemaña), 22 de xuño de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte pola tarde no acto de presentación do Xacobeo, na cidade alemaña de Hamburgo, onde convidou aos cidadáns alemáns a camiñar a Galicia con motivo do Ano Santo. Na xornada na que participaron medio cento de turoperadores turísticos alemáns e representantes do Clúster de Turismo de Galicia leváronse a cabo diversos encontros de traballo.

Durante a presentación a directora de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia do Camiño de Santiago na construción de Europa, remarcando a importancia de acadar o título do primeiro Itinerario Cultural Europeo mediante o cal se transmitiu o espírito europeo de concordia, solidariedade e respecto.

Para Galicia o sector turístico é un sector estratéxico, e mostra diso é que actualmente emprega a máis de 70.000 persoas, polo que dende a Xunta faise unha aposta pola promoción de Galicia como destino de calidade e adaptado as novas demandas turísticas.

A presentación do Xacobeo en Hamburgo encádrase na rolda de actos organizados pola Xunta para animar, tanto en España como no estranxeiro, a camiñar a Galicia e vivir unha experiencia única que coincide co modelo turístico en espazos abertos e vencellados coa natureza que demandan os turistas a raíz da pandemia e que encaixa coa marca Galicia como destino seguro.

“Na actualidade, xa avanzado o século XXI, o Camiño de Santiago continúa desenvolvendo este impulso de cooperación internacional. E nós, dende a Xunta apostamos polo carácter internacional do Camiño de Santiago e no seu espírito universal”, indicou a directora de Turismo.

Imaxes relacionadas