As asociacións galegas de software libre realizarán este ano máis de 20 actuacións en colaboración coa Xunta

Un ano máis promoverán a difusión e o fomento do software e hardware libre a través de encontros, charlas, obradoiros e publicación

Ao abeiro deste acordo Galicia acolle os vindeiros 24 e 25 de xuño o congreso de referencia en software libre a nivel nacional, o congreso esLibre que terá lugar en Vigo

Todas estas accións están enmarcadas no Plan de Software Libre que vén realizando a Axencia autonómica con periodicidade anual
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) apoia un ano máis ás asociacións galegas que promocionan e fomentan o emprego de software e hardware libre, a través dun convenio de colaboración. Ao abeiro deste acordo as asociacións realizarán máis de 20 actividades de difusión por toda a comunidade, abertas a toda a cidadanía.

 

As actuacións deste ano abranguen desde actividades de difusión con charlas, obradoiros, organización de eventos ou colaboracións con outro tipo de asociacións ata a publicación de recursos educativos ou catálogos patrimoniais e culturais.

 

Dentro do mundo do hardware libre, cada vez máis presente na nosa sociedade, organizaránse talleres de robótica e impresión 3D especialmente dirixidos ás xeracións máis novas, e tamén as súas nais e pais, para que poidan compartir tempo argallando sobre estas novas tecnoloxías. Os movementos maker tamén estarán moi presentes, con Proxectos  sobre o Internet das Cousas (IoT) ou solucións de domótica con hardware e software libre que poden ser replicadas de xeito sinxelo.

 

Cómpre destacar que este ano, ao abeiro deste convenio, celebrarase en Galicia, na cidade de Vigo os días 24 e 25 de xuño, o congreso esLibre, o encontro nacional de software libre máis relevante nestes momentos que traerá á comunidade a empresas e persoas dende diversos puntos da xeografía española. Ademais, ofrécese unha bolsa de viaxe que permite financiar o desprazamento a persoas de diferentes colectivos, co fin de fomentar a diversidade na participación do mesmo.

 

Asociacións galegas de software libre

En Galicia existe un importante núcleo de asociacións que teñen por obxectivo a difusión, promoción e fomento do uso do software e tamén o hardware libre. Son coñecidas como as AGUSL (Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre) aínda que hoxe en día evolucionaron e temos en Galicia un ecosistema moi rico con asociacións que tamén se dedican á difusión do hardware libre, con iniciativas baseadas na robótica, a impresión 3D ou ao Internet das cousas (IoT). Estas asociacións, formadas por persoas voluntarias, tenta facer chegar as vantaxes e o espírito de colaboración do software libre a través de diferentes actividades.

 

Impulso das accións

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén colaborando con esteo ecosistema cun convenio de colaboración de carácter anual, este ano cun importe de 30.000 euros, que lles permite realizar actividades con maior impacto, mentres que a Xunta de Galicia reforza así o seu compromiso de difusión do software libre entre a cidadanía, un dos eixos principais do Plan Anual de Software Libre. O carácter local destas asociacións permite que se fagan actividades de difusión en diversos puntos da xeografía galega, adaptadas ás diferentes realidades e necesidades, facilitando que máis persoas poidan participar das mesmas.

Imaxes relacionadas