O director xeral de Cultura participa na entrega dos premios de debuxo ‘Picasso Coruñés’ organizados pola Asociación de Prensa da Coruña co apoio da Xunta de Galicia

A Xunta agradece á Asociación da Prensa da Coruña o seu traballo por promover entre os máis novos a pegada galega na obra de Picasso

Recorda que o Goberno autonómico está a preparar, no marco do 50 aniversario do artista en 2023, unha gran exposición que repasa esta etapa creativa, “unha das que é máis necesario divulgar e dar a coñecer pola súa singularidade”

A Coruña, 21 de xuño de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Coruña na entrega de galardóns do VII Concurso de debuxo Picasso Coruñés, organizados pola Asociación de Prensa da Coruña co apoio da Xunta para premiar a creatividade de escolares de Primaria e Secundaria tomando como referencia as obras do artista. Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse á importancia desta iniciativa para promover e difundir entre os máis novos a etapa creativa de Picasso que coincide coa súa estadía en Galicia.

 

Como recordou, a Xunta está a traballar nunha programación institucional no marco do 50 aniversario que se conmemora en 2023 que afonda tamén nesta liña. Salientou os avances na gran exposición que divulgará a etapa galega de Picasso, unha das máis descoñecidas dentro da súa ampla traxectoria. “É un proxecto ilusionante, para o que estamos atopando a colaboración de distintas institucións nacionais e internacionais para a cesión de pezas coa intención de renderlle a homenaxe que merece esta etapa creativa de Picasso, unha das que é máis necesario dar a coñecer pola súa singularidade e significado para Galicia”, indicou.

 

Agradeceu á Asociación de Periodistas da Coruña o seu labor “continuado e decidido” por impulsar a figura de Picasso a través de certames como este no que os escolares deben emular o traballo realizado polo artista malagueño durante a súa estadía na Coruña. En concreto, toman como referencia o traballo que fixo de adolescente, elaborando xornais de tamaño folio nos que combinaba textos e debuxos, bautizados como Azul e Blanco e La Coruña. Os participantes inspiráronse nesta fórmula pero con contido actual.

 

Como resultado, a aula Picasso do instituto Eusebio da Guarda acolleu o acto de entrega destes galardóns no que os estudantes do colexio Víctor Sáenz de Mazaricos e os do instituto Blanco Amor de Culleredo foron os triunfadores ao facerse cos tres primeiros premios nas categorías de 3º a 6º de Primaria e na de 1º e 2º de Secundaria.

 

En concreto, o xurado, reunido na Coruña a pasada semana, outorgou diferentes premios. Na categoría de 3º a 6º de Primaria, o Premio Picasso ao mellor xornal foi para Aroa Lema Zamora (6º Primaria), o Premio Olga Cristina Viaño Sánchez á mellor redacción para Soraya Lago Silva (5º Primaria) e o Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración para Angel Grille Calvelo, Xoel Santabaya Esperante e Mai Villar Vilas (5º e 6º Primaria) todos eles do colexio Víctor Sáez de Mazaricos. O xurado concedeu tamén sete accesits.

 

Na categoría de 1º e 2º de Secundaria, o Premio Picasso ao mellor xornal foi para Alicia Pérez Canedo e Desirée dos Anjos do Nascemento (1º ESO); o Premio Olga Cristina Viaño Sánchez á mellor redacción para Irene Yáñez e Noa Vaamonde (1º ESO) e o Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración para Sabrina Vitoria Martínez e Carmen Miranda (1º ESO). Todos, alumnos do instituto IES Blanco Amor de Culleredo. Ademais, o xurado concedeu cinco accesits.

 
Máis de 140 traballos presentados

Finalmente para a categoría de 3º e 4º de Secundaria, o Premio Picasso ao mellor xornal foi para Iago Vidal Caneiro (3º ESO) do CPR Santiago Apóstol de Narón; o Premio Olga Cristina Viaño Sánchez á mellor redacción para Daniela Montes Frade (3º ESO) do instituto IES Agra de Leborís da Laracha e o Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración foi para María Balboa Pedrouso (3º ESO) do instituto IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela. Nesta categoría, o xurado concedeu sete accesits.

O xurado, presidido por Doda Vázquez, a súa vez presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, destacou a alta calidade dos traballos, 142 presentados en total entre as tres categorías, e felicitou a todos os profesores e responsables dos talleres de debuxo polo esforzo realizado e o interese demostrado.

 

Os traballos premiados quedan expostos na Casa Picasso ata o próximo 10 de xullo, en horario de visita de 11,00 a 13,30 horas e de 18,00 a 20,00 horas, de martes a sábados; e de 12,00 a 14,00 horas os domingos.