A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, reuníronse hoxe con representantes do grupo para abordar os problemas do transporte de compoñentes eólicos cara ao porto de Ferrol

A Xunta e o Grupo Pérez Torres coinciden na necesidade de habilitar solucións alternativas a curto prazo para os transportes especiais afectados polo corte da A-6

Os empresarios advirten de que a entrada en Galicia a través da A-52 triplica o custo e multiplica o tempo de viaxe, polo que non se pode considerar unha alternativa viable

A Xunta comparte que o peche da A-6 é un problema económico de envergadura que está a afectar a moitos sectores, ademais de supoñer complicacións no tráfico, na seguridade viaria e prexuízos para os transportistas

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022 A Xunta e Grupo Pérez Torres coinciden na necesidade de urxir do Goberno de España alternativas a curto prazo para a circulación do tráfico de transportes especiais mentres dure o corte da autovía A-6.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, reuniuse este mediodía co director xeral do Grupo Pérez Torres, Santiago Pérez-Torres, e co responsable do grupo na terminal de Ferrol, Santiago Menéndez, para abordar a situación derivada do peche da autovía como consecuencia do colapso do viaduto do Castro.

 

Na xuntanza deste mediodía, os representantes do Goberno galego concordaron en que o peche da autovía A-6 supón un problema económico de envergadura que está a afectar xa a moitos sectores, ademais de supoñer complicacións no tráfico, na seguridade viaria e prexuízos para os transportistas, que se ven obrigados a dar un rodeo pola estrada nacional coa consecuente perda de tempo e incremento de custos, así como para os veciños de Pedrafita e para os turistas.

 

Ante esta situación, cómpre que o Goberno de España ofreza alternativas inmediatas que faciliten o tránsito de transportes especiais cara ao porto de Ferrol.

 

Os responsables de Pérez Torres trasladaron que o acceso a Galicia a través da A-52, a Autovía das Rías Baixas, triplica o custo e multiplica exponencialmente o tempo de viaxe, polo que non se pode considerar unha alternativa viable.

 

Os transportes especiais de pas de aeroxeradores que transporta Pérez Torres desde as plantas de Castela e León, principalmente desde Ponferrada, tampouco poden pasar polo desvío habilitado pola nacional, que atravesa Pedrafita, o que supón perdas considerables.

 

Segundo trasladou Pérez Torres, en 7 meses, desde que se iniciaron as obras no viaduto do Castro, que lles obrigou a deter os tránsitos pola A-6, ata xaneiro de 2022, cando o Ministerio habilitou a posibilidade de cruzar o viaduto en horarios determinados para o paso de vehículos especiais, bloqueáronse máis de 100 barcos, que supoñen arredor de 3.000 compoñentes eólicos. Os representantes desta empresa de loxística temen que esta situación se agrave co peche actual e a falta de alternativas de paso para os transportes especiais.

 

Por iso, a Xunta e os representantes da empresa urxen ao Ministerio a ofrecer alternativas inmediatas para a circulación, especialmente a dos transportes especiais.

 

O Goberno galego lembra que o peche da autovía A-6 está a ter un forte impacto económico e social, ao ser unha das principais vías de acceso a Galicia, e a arteria principal de comunicación cara ao norte da comunidade e cara aos portos da Coruña e de Ferrol.

Imaxes relacionadas