O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pechou hoxe o acto de clausura do curso académico 2021/2022

A Xunta anima os galegos a apostar pola formación agroforestal co gallo de avanzar na dinamización e xeración de riqueza no noso rural

 José Luis Cabarcos valorou as presentacións de alumnos sobre as súas experiencias e proxectos, así como as de antigos estudantes que atoparon a súa oportunidade laboral, ben como emprendedores ben como traballadores por conta allea


Puxo en valor as posibilidades que ofrecen os centros de formación e experimentación agroforestal dependentes da Consellería do Medio Rural, que imparten un total de sete ciclos, ademais de servir de dinamizadores do Plan de formación continua
 

Boqueixón (A Coruña), 21 de xuño de 2022.-

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, animou os galegos a apostar pola formación agroforestal co gallo de avanzar na dinamización e xeración de riqueza no noso rural.

Así o dixo na clausura do curso académico 2021/2022 dos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) dependentes da Consellería do Medio Rural, un acto celebrado nas instalacións de Sergude onde sinalou que hai unha clara oportunidade de traballo no medio rural galego que se debe aproveitar, sempre cunha visión de desenvolvemento técnico e profesional do alumnado.

Nesa liña, José Luis Cabarcos valorou as presentacións feitas por estudantes do curso que remata relativas ás súas experiencias e aos proxectos desenvolvidos durante a súa etapa de formación. En concreto, falaron do vivido dous alumnos do centro de Sergude e un terceiro de Lourizán que mediante un programa Erasmus se instruíu en Portugal. Canto aos proxectos de fin de ciclo, deuse a coñecer un para capturar avespas velutinas, outro sobre hípica de salto e un albergue para peregrinos a cabalo e un terceiro sobre unha granxa de leite ecolóxico con vacas Jersey.

Na súa intervención, o director puxo en valor o elevado grao de incorporación no sector privado dos estudantes que culminan os sete ciclos que se imparten actualmente nos centros de formación e experimentación agroforestal, tanto á hora de desenvolver as súas prácticas como para a súa efectiva entrada no mercado laboral profesional. Nesa dirección, cómpre engadir que na xornada de hoxe participaron tres antigos alumnos de Sergude que atoparon a súa oportunidade, ben como emprendedores ben como traballadores por conta allea. A maiores, interveu Elio López, CEO e cofundador da empresa galega Innogando, que busca mellorar a rendibilidade das explotacións a través da tecnoloxía, como exemplo das potencialidades de crecemento que ofrece o sector primario.

 
Oferta formativa

Da Consellería do Medio Rural dependen os centros de formación e experimentación agroforestal de Sergude (Boqueixón), Lourizán (Pontevedra), Alta Montaña (Becerreá), Guísamo (Bergondo) e Pedro Murias (Ribadeo).

Estes centros ofrecen, en total, sete ciclos no ámbito da formación regrada, tanto de grao medio como superior. Son os de Produción agropecuaria, de grao medio e presencial, que se imparte no CFEA de Sergude; Aproveitamento e conservación do medio natural, tamén de grao medio e presencial, tal como se imparte en Sergude, Lourizán e Becerreá, e para formación profesional dual, en Ribadeo; Xardinaría e floraría, de grao medio, polo réxime modular de persoas adultas na modalidade semipresencial, que se imparte en Guísamo; Produción agroecolóxica, idéntico ao anterior, pero na modalidade presencial, en Sergude; Xestión forestal e do medio natural, de grao superior, impartido polo réxime ordinario na modalidade presencial en Lourizán e Becerreá; Gandaría e asistencia en sanidade animal (tamén de grao superior, en Sergude) e Paisaxismo e medio rural (de grao superior, impártese tanto polo réxime ordinario na modalidade presencial como polo réxime modular de persoas adultas e de xeito semipresencial en Guísamo).
 

A maiores, estes centros serven de dinamizadores do Plan de formación continua que este ano contempla a realización de ata 429 cursos de curta duración e que suman preto de 6.500 horas de formación especializada con preto de 8.000 prazas ofertadas, para incidir no desenvolvemento de habilidades e actitudes precisas para mellorar o traballo no sector primario galego. 88 deses cursos corresponden a formación esixible ou habilitante para poder exercer unha profesión no sector agroforestal, para crear unha empresa agraria, por esixencia normativa ou para acceder a algún tipo de axuda. 

Cómpre engadir que tamén depende da Consellería do Medio Rural o CFEA de Monforte de Lemos, que participa activamente neste Plan de formación e está especializado en formatos online a través da plataforma de teleformación da Consellería con cursos como os de aptitude empresarial agraria e outros habilitantes.

Imaxes relacionadas