A Xunta adxudica por preto de 445.000 euros as obras da senda que unirá A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo

Habilitarase un itinerario pola marxe dereita da AC-305 co obxectivo de fomentar a mobilidade alternativa e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre os núcleos de Burés e A Casilla

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar os traballos en setembro e rematalos na primavera de 2023, cun prazo de execución de 6 meses

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 443.420 euros as obras da senda que conectará, a través da estrada AC-305, A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo.

Esta actuación, adxudicada á empresa Obras y Viales de Galicia, S.L. (Oviga), ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria na AC-305, habilitando sendas peonís que favorezan a mobilidade a pé dos veciños.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no mes de setembro, ao estar realizado o acto expropiatorio de levantamento de actas previas e fixado para o 18 de xullo a data das actas de ocupación. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses e o obxectivo é telos rematados na primavera de 2023.

Máis concretamente, actuarase nunha contorna na que hai dous treitos de estrada que carecen de espazo para permitir un tránsito peonil seguro e teñen vivendas nas súas marxes. A Xunta promove estas obras, que favorecerán os desprazamentos seguros a pé e garantirán, tamén, un mellor acceso ás paradas de transporte público.

O itinerario deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta executarase pola marxe dereita da estrada, habilitando, en total algo máis de 1,3 km de senda. Tomando como referencia a liña do bordo actual da vía, ampliarase ou reducirase a beiravía para igualala ata os 50 centímetros en toda a actuación. A partir de aí, ampliarase a plataforma ata acadar unha senda de 2 metros de ancho, e incluso nalgún treito, tamén disporá de rígola e bordo de formigón.

A nova senda desenvolverase en dous tramos, para ofrecer continuidade aos desprazamentos peonís. Así, o primeiro partirá do núcleo de Burés, a continuación da beirarrúa actual, e finalizará no lugar dos Xens, onde conectará coa senda existente. Son, en total, uns 820 metros de senda. O segundo treito de itinerario, de 510 metros, comezará en Contrés e finalizará na Casilla, dando continuidade ao itinerario actual.

O firme da senda será en formigón armado e baixo el disporase unha base de solo seleccionado, prevéndose tamén a execución de colectores para recoller e dirixir as augas pluviais.

Os traballos completaranse coa instalación para as redes de telecomunicacións e coa semente dos taludes e desmontes, como medida de rexeneración ambiental. Ademais, colocaranse varandas de protección dos peóns en distintas zonas e a sinalización precisa.

Esta intervención de mellora da seguridade viaria contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.   

Xunto con estas obras, a departamento de Infraestruturas da Xunta acometerá, de forma complementaria, unha actuación adicional na outra marxe desa mesma estrada, coa execución dunha senda en Burés, adxudicada o pasado mes de maio por un importe de preto de 50.000 euros.

Trátase da execución dun treito de senda pola marxe esquerda da estrada AC-305, de 100 metros de lonxitude, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 10+180 e 10+280.

Con esta actuación a Xunta atende unha demanda veciñal, dando acceso a unha parada de autobús nesa marxe da estrada, onde tamén se prevé a disposición dun refuxio para os usuarios do transporte público.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.