A Xunta organiza en Monforte de Lemos unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre o benestar animal no transporte

O curso terá lugar do 24 de xuño ao 4 de xullo, cunha duración total de 20 horas, e levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar un curso de formación profesional e adquisición de nocións básicas en benestar animal no transporte. Impartida no Centro de Formación e Experimentación Agraria, esta acción formativa terá lugar do 24 de xuño ao 4 de xullo cunha duración de 20 horas que se levarán a cabo cun horario desde as 16:00 ata 20:00 horas.

O obxectivo do taller é conseguir un persoal formado no desenvolvemento do transporte de animais. Abordaranse aspectos tanto teóricos coma prácticos no relativo ao benestar animal. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. Así mesmo, o taller tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude do medio rural galego.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende con este curso que os profesionais do sector teñan unha actualización dos seus coñecementos sobre benestar animal e a normativa vixente. Ademais, o obradoiro tamén pretender formar aos traballadores para o correcto desenvolvemento da súa actividade profesional no transporte de animais.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103,  ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.es.