O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do municipio, Manuel Cuíña, visitaron hoxe o centro

A Xunta financia obras de mellora na escola infantil de Silleda por un montante de 23.300 euros

Renovouse o pavimento de caucho e o céspede artificial da zona exterior de xogos; e impermeabilizouse parte da cuberta

O Consorcio sufraga os traballos, que executou o Concello, mediante a compensación das liquidacións que corresponde aboar á Administración local por este servizo público

Silleda (Pontevedra), 21 de xullo de 2022 A Xunta acometeu obras de mellora na escola infantil de Silleda, pertencente á rede pública autonómica, por un montante de 23.300 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe este centro acompañado do alcalde do municipio do Deza, Manuel Cuíña, co obxectivo de comprobar o resultado dos traballos realizados.

 

Perfecto Rodríguez explicou que esta intervención enmárcase no programa de obras de mellora que de maneira periódica se leva a cabo nas escolas que dependen do Consorcio, co fin de garantir o correcto mantemento e bo estado das instalacións. No caso do centro de Silleda, as actuacións realizadas afectaron tanto a elementos internos como externos da escola. Así, mellorouse o patio exterior de xogos, coa reposición do caucho continuo e do céspede artificial; e tamén colocouse unha nova varanda de madeira para separar esta zona de lecer do resto do patio.

 

Así mesmo, aumentáronse as condicións de eficiencia enerxética do inmoble ao impermeabilizar a cuberta na zona das aulas de 2-3 anos. Ademais, substituíronse os biombos móbiles das aulas de 1-2 anos e de 2-3 anos por tabiques lixeiros con illamento interior acústico e unha porta de paso corredoira de madeira.

 

As obras desenvolvidas axustáronse ás acordadas previamente coa comunidade educativa e contaron coa supervisión técnica do Consorcio e do Concello, que foi o encargado de executalas. O ente autonómico sufraga o 100% dos traballos mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar ao ente local por este servizo público.

 
Gratuidade

Para o vindeiro curso 2022-2023 a escola infantil de Silleda ten admitidos a 71 nenas e nenos de 0 a 3 anos para as seis unidades que ten autorizadas. A partir de setembro, a Xunta aplicará a gratuidade xeral da educación infantil para todo o alumnado en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente co Consorcio.

Imaxes relacionadas