A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente do Padroado da Fundación da Universidade da Coruña, José María Barja, firmaron hoxe a colaboración en presenza do reitor, Julio Abalde

A Xunta e a Fundación Universidade da Coruña asinan un acordo para desenvolver metodoloxías novidosas de predición do risco de inundacións e dos efectos do cambio climático

Despregaranse novos métodos para aplicar como proxecto piloto na conca do río Verdugo e as rías de Vigo e de Baiona, na demarcación de competencia autonómica Galicia-Costa


O convenio conta cun orzamento de 170.000 euros, dos cales 135.000 serán achegados pola Xunta a través de Augas de Galicia, e estará vixente ata o 31 de maio de 2023


Estudaranse os criterios dos distintos países na avaliación do efecto das inundacións para xerar mapas de zonas inundables e estudarase a inclusión nos mapas de risco do efecto do cambio climático nas precipitacións extremas

Contribuirá a desenvolver o sistema de alerta temperá de inundacións, denominado Merlín, que xa se está a implantar a Xunta en todas as áreas con risco potencial significativo de inundacións de Galicia

A conselleira enmarca este traballo no programa Innovaugas 4.0, proxecto impulsado desde a Xunta e dotado cun investimento de 7 M€, que vén de ser galardoado como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Europe Innovation’

A Coruña, 21 de xuño de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co presidente do Padroado da Fundación da Universidade da Coruña, José María Barja, un acordo para desenvolver metodoloxías novidosas de predición do risco de inundacións e dos efectos do cambio climático.

Nun acto celebrado no reitorado da Universidade da Coruña e no que tamén participou o reitor, Julio Abalde, a conselleira explicou que esta colaboración permite sumar os esforzos e coñecementos para despregar novos métodos que se aplicarán como proxecto piloto en núcleos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a conca de responsabilidade da Xunta, e máis concretamente, na conca do río Verdugo e as rías de Vigo e Baiona.

O acordo supón un investimento de 170.000 euros, dos cales 135.000 son achegados pola Xunta a través de Augas de Galicia. Esta iniciativa conta co respaldo da Unión Europea, a través dos Fondos FEDER 2014-2020, dentro do obxectivo de potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. 

Vázquez Mourelle puxo en valor o dobre obxectivo deste convenio, que se manterá vixente ata o 31 de maio de 2023, para afrontar os retos do cambio climático, cuxos efectos son cada vez máis evidentes, o que fai necesario anticiparse e estar preparados para paliar as posibles consecuencias, remarcou.

Precisou que o convenio permitirá, por un lado, analizar as metodoloxías empregadas nos distintos países para avaliar o efecto das inundacións pluviais e xerar os mapas de zonas inundables; e, por outro, considerar neses mapas de risco de inundacións o efecto do cambio climático nas precipitacións extremas a considerar nos cálculos de risco de asolagamento.

Para este fin, segundo abundou Ethel Vázquez, as partes conformarán un equipo de traballo multidisciplinar no que os técnicos de Augas de Galicia achegarán a experiencia na predición de episodios de asolagamento e tamén no desenvolvemento da Directiva Europea de Inundacións. Mentres, os técnicos da Universidade da Coruña proporán novas liñas de traballo para dar resposta ás novas necesidades.

Tal e como incidiu a conselleira, sobre a base do traballo que realicen os técnicos, aplicaranse os distintos procedementos ás áreas con risco potencial significativo de inundacións pluviais, ou ás zonas inundables de orixe pluvial da conca do río Verdugo, rías de Vigo e de Baiona.

A partir de aí, apuntou, as áreas de risco de inundacións pluviais incluiranse no sistema de predición Merlín, o sistema de alerta temperá de inundacións de Augas de Galicia, que incorpora información en tempo real das axencias meteorolóxicas MeteoGalicia e AEMET, e definiranse os mapas de perigo asociados, seguindo as directrices da Directiva Europea de Inundacións, incorporando os efectos do cambio climático. 

Deste xeito, precisou, o acordo contribuirá a desenvolver o sistema de alerta temperá de inundacións, denominado Merlín, que xa se está a implantar a Xunta en todas as áreas con risco potencial significativo de inundacións de Galicia.

Ethel Vázquez sinalou que este traballo forma parte do programa Innovaugas 4.0, concretamente do reto co que busca incrementar a resiliencia fronte os efectos do cambio climático. Innovaugas 4.0 é unha iniciativa impulsada desde a Xunta para buscar novas solucións para a xestión integrada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga e, tamén, para anticiparse e estar mellor preparados para os retos do cambio climático.

A conselleira amosou a satisfacción da Xunta, e especialmente en Augas de Galicia, porque a iniciativa innovaugas 4.0, dotada con 7 M€ de investimento e seleccionada polo Ministerio de Ciencia na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública, vén de ser galardoada como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Europe Innovation’. Os premios promóveos a plataforma Water Europe, creada pola Comisión Europea e que congrega a 250 membros de 28 países que representan a toda a cadea de valor da auga.

O premio, tal e como salientou Ethel Vázquez, é un recoñecemento ao traballo que está a promoverse desde o Goberno galego en aras de optimizar os modelos de predición de zonas proclives a quedar asolagalas e, deste xeito, ter previsto un plan de continxencia que evite ou reduza as súas consecuencias.

Neste sentido, concluíu expresando a convencemento de que os resultados do traballo que se vai desenvolver ao amparo do convenio asinado hoxe entre a Fundación da Universidade da Coruña e a Xunta serán tamén motivo de orgullo e frutíferos para afrontar con máis garantías de éxito o risco de inundacións e os efectos do cambio climático.
 

Imaxes relacionadas