A Xunta mellora a empregabilidade de 18 mulleres no marco do proxecto Entrena Empleo Lugo

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cofinanciou, xunto co Fondo Social Europeo, esta iniciativa da Fundación Santa María la Real

O programa pretende facilitar a reincorporación ao mercado laboral das mulleres que viviron paróns pola maternidade ou por coidados a familiares
 

Lugo, 21 de xuño de 2022.-

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cofinanciou, xunto co Fondo Social Europeo, o primeiro proxecto piloto Entrena Empleo Lugo, organizado pola Fundación Santa María la Real e que celebrou onte a súa última xornada. Esta singular iniciativa da que se beneficiaron 18 mulleres con idades comprendidas entre os 27 e os 58 anos, e que viviron un parón na súa vida laboral por motivos de coidado de familiares ou dos fillos, tiña como obxectivo mellorar a súa empregabilidade e/ou facilitar a incorporación ao mercado de traballo.

Así pois, a través de Entrena Empleo Lugo se orientou e acompañou ás participantes, independentemente do sector laboral  e do seu nivel formativo, na posta en valor do tempo que dedicaron aos coidados no ámbito familiar e nas capacidades adquiridas que resultan útiles para outros postos de traballo, como a xestión do tempo, o traballo en equipo, a adaptación e a flexibilidade ante novas situacións, a busca de recursos, a vocación de servizo ou a formación continua. Tamén se realizaron actividades para aprender a elaborar un plan integral, así como para perfeccionar as súas habilidades comunicativas nas entrevistas e tamén as competencias dixitais.

Para completar a formación, as asistentes de Entrena Empleo Lugo elaboraron e renovaron os seus currículos incluíndo na súa experiencia os anos dedicados aos coidados de familiares ou dos fillos, ao tempo que realizaron actividades de intelixencia emocional e autocoñecemento para detectar os puntos fortes de cada unha delas e o seu aproveitamento na busca de emprego.

Imaxes relacionadas