A Xunta convoca axudas por máis de 260.000€ para a xestión de residuos domésticos das entidades locais

Financiarán actuacións destinadas tanto ao fomento da prevención e a reutilización como á recollida de residuos especiais de competencia municipal en puntos de proximidade

Concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva e as agrupacións de concellos poden aspirar a subvencións de ata 30.000 euros

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca as axudas dirixidas ás entidades locais para a xestión de recursos domésticos cun orzamento de 263.613 euros.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas subvencións, dirixidas tanto a entidades locais e supramunicipais como a agrupacións de entidades locais, e que teñen por obxecto promover a implantación de medidas para avanzar na xestión dos residuos domésticos de competencia municipal, de acordo cos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022. Nesa liña, financiarán actuacións destinadas tanto ao fomento da prevención e a reutilización como á recollida de residuos especiais de competencia municipal en puntos de proximidade.

 

Estas axudas promoven a implantación de proxectos por parte de entidades locais conforme ao esquema de prioridades do principio de xerarquía en materia de residuos, como, por exemplo: favorecer a redución do depósito en vertedoiro; reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro; contribuír ao alongamento da vida útil dalgúns produtos e ao incremento da dispoñibilidade de materias primas secundarias para os procesos industriais, e favorecer a separación de residuos de características especiais a través dunha axeitada clasificación.

 
Dúas liñas de subvencións

Esta orde de axudas conta con dúas liñas subvencionables. Unha primeira destinada á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos -mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes- coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos e, ao mesmo tempo, previr a xeración de residuos domésticos e a súa eliminación.

 

Nesta primeira liña, que contará cun orzamento de máis de 160.000 euros, o importe máximo non poderá superar os 20.000 euros. Esa cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas por máis dunha entidade local ata un máximo de 30.000 euros ¾5.000 euros máis por cada entidade participante a maiores¾.

 

No caso da segunda liña de financiamento, ten por obxecto actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos. Cun orzamento de 101.258 euros, o importe máximo non poderá superar os 10.000 euros. No que respecta ás agrupacións, a contía poderase incrementar ata os 30.000 euros a razón de 10.000 euros máis por cada entidade participante.

 

O procedemento que rexerá a concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva e o financiamento máximo outorgado para as actuacións subvencionadas non poderá exceder o 90% do custo total do proxecto. Ademais, estas subvencións financiaranse con cargo ao Programa de economía circular e ao Plan de impulso ao medio ambiente ¾PIMA Residuos¾, financiado con transferencias finalistas do Estado.