A Unidade Móvil da Xunta de apoio aos refuxiados ucraínos recala en Lugo esta semana

Conta cunha intérprete e unha traballadora social que ofrecen asesoramento sobre os trámites necesarios para acceder aos servizos básicos e prestacións públicas

No Día Mundial do Refuxiado, o Goberno galego lembra a necesaria solidariedade con todas as persoas que foxen de conflitos e persecucións nos seus países

Lugo, 20 de xuñode 2022

A Xunta de Galicia achega esta semana a Lugo a unidade móbil de información para refuxiados ucraínos que impulsa en colaboración coa Cruz Vermella; estará instalada na explanada da Delegación Territorial dende hoxe ata o venres e atenderá en horario de 09,00 a 14,00 horas.

 

O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitaron esta mañá a oficina móbil, que conta cunha intérprete e unha traballadora social e ofrece asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición.

 

Entre outros, ofrecen asistencia nas solicitudes de prestacións básicas para a súa inserción, como a escolarización, o acceso ao sistema de saúde ou a inscrición en cursos de competencias lingüísticas para facilitar a súa entrada no mercado de traballo.

Ambos responsables autonómicos destacaron que precisamente hoxe se conmemora o Día Mundial do Refuxiado, unha data para lembrar a necesaria solidariedade con todas as persoas que foxen de conflitos e persecucións nos seus países. “Nos últimos meses -engadiron- asistimos a unha guerra en Europa que nos demanda aínda maior implicación co drama da poboación ucraína”.


A oficina itinerante comezou o seu percorrido en abril e visita as localidades con maior presencia de refuxiados e refuxiadas ucraínos para que poidan acceder ao servizo de maneira sinxela e áxil. Na provincia de Lugo estiveron no último mesen Burela e Monforte de Lemos.

Imaxes relacionadas