Lorenzana mantén un encontro co alcalde de Vilanova para avanzar en futuras colaboracións de apoio ao emprego e a igualdade na localidade

Vilanova de Arousa, 20 de xuño de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o Concello de Vilanova de Arousa, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Gonzalo Durán, no que abordaron algúns dos programas que esta entidade local está a desenvolver co apoio da Xunta no eido da igualdade e da mellora da empregabilidade neste municipio.

 

O departamento de Lorenzana está a destinar este ano cerca de 300.000 euros a apoiar en Vilanova de Arousa iniciativas en materia de igualdade e emprego. Axúdase con elas ao desenvolvemento de programas de conciliación e de promoción da igualdade así como ao mantemento do Centro de Información á Muller da localidade. No apartado de emprego, a Xunta colabora con esta entidade local na contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local e de persoas en situación ou en risco de exclusión social así como co servizo de información, orientación e busca de emprego e no desenvolvemento de accións formativas dirixidas a persoas en desemprego.

 

Desde o ano 2009, Vilanova de Arousa recibiu axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade por case 3,2 millóns de euros: 1,2 procedentes da área de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; 1,3 da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación e máis de 600.000 euros de Igualdade.

Imaxes relacionadas