O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe no encontro organizado pola entidade no marco do Día Mundial das Persoas Refuxiadas

A Xunta destaca o papel de Ecos do Sur na acollida e protección das persoas refuxiadas de Ucraína

O Goberno galego destina 730.000 euros a esta entidade a través das ordes de axudas a entidades e con cargo á casilla social do IRPF

A Coruña, 20 de xuño de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá no acto organizado por Ecos do Sur en conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas onde destacou o papel desta entidade na recente acollida e protección das persoas refuxiadas de Ucraína. O Goberno galego destina 730.000 euros a Ecos do Sur para a posta en marcha dos seus programas de inserción e inclusión.

 

En concreto, a Xunta concede axudas a esta entidade a través da orde de axudas a entidades e da orde de axudas con cargo á casilla social do Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Con estas axudas favorécese a posta en marcha de programas de asesoramento, de mediación social e de formación para as persoas inmigrantes.

 

Arturo Parrado referiuse de maneira especial ao apoio recibido polas entidades sociais de Galicia para facer fronte á última gran crise humanitaria como foi a chegada de persoas refuxiadas de Ucraína. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego ten a sorte de contar cuns aliados preparados e especializados na atención a persoas refuxiadas que permiten facer de Galicia un lugar máis acolledor.

Imaxes relacionadas