A Xunta colabora coa Fundación SGAE na celebración do Día da Música con Caamaño & Ameixeiras, Momboi e Coolnenas DJ

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da segunda edición do festival Acento, que se desenvolverá mañá na terraza da sede da SGAE en Santiago
 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022 A terraza da sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela será na tarde de mañá o escenario da segunda edición do festival Acento, que conta co apoio da Xunta de Galicia para a conmemoración do Día Europeo da Música cunha mostra da gran variedade que ofrece a escena musical galega actual da man de Caamaño & Ameixeiras, Momboi e Coolnenas DJ.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu hoxe na presentación do cartel xunto aos representantes da organización, aos que felicitou pola continuidade desta iniciativa para a posta en valor a música galega e en galego. Este ano, ademais, o evento insírese nas actividades conmemorativas do 25º aniversario da Fundación SGAE.

Sutil enmarcou a colaboración da Xunta con este festival no obxectivo compartido coa devandita Fundación a prol da promoción da cultura e nomeadamente da música, dentro do que tamén encaixan outras iniciativas apoiadas polo Goberno galego. Así, no marco da celebración do Xacobeo 21-22, a SGAE e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades manteñen unha playlist en redes sociais para a difusión de 2022 temas de música de artistas galegos, especialmente dirixida aos peregrinos e demais visitantes na nosa Comunidade.

Folk, fusión e baile

A segunda edición de Acento, de entrada libre desde o parque Vista Alegre de Santiago, dará comezo ás 19,30 h. de mañá coa actuación do dúo Caamaño & Ameixeiras, exemplo da renovación da música de raíz. O seu disco Aire! foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de folk e co primeiro premio no Folkez Blai de Ermua (País Vasco) o mesmo ano.

 

A fusión popular de Momboi soará na terraza da SGAE a partir das 20,30 h. coa súa mestura de folk, rock, ritmos latinos e tradición galega. O grupo acaba de publicar o seu primeiro disco de longa duración baixo o título Vacacións en Ornanda.

 

Pechará esta celebración a sesión que ofrecerá ás 21,30 h. Coolnenas DJ, desta volta en formato dúo coa viguesa Dani, quen está a ter un gran éxito con Vinte, o seu primeiro disco, e a lanzaroteña Kimberley Tell.