A Xunta aposta pola música en galego coa posta en marcha do ciclo “Xacobeo no Interior”

Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor

O ciclo contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, os D´Abaixo e Uxía & Javier Ruibal
 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe o ciclo de concertos “Xacobeo Interior” no marco da programación musical dos concertos do Xacobeo, onde indicou que este festival é unha mostra da calidade musical pola que se apostou dende a Xunta neste Ano Santo, cun cartel que é o reflexo da visibilización e encumbración da música galega e en galego.

 

Durante a presentación deste ciclo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a relevancia deste ciclo de música en galego, salientando a importancia do “achegamento da cultura e as celebracións á xente, fomentando a desestacionalización da demanda turística e cultural e asegurando un espectáculo que iluminará todos os rincóns da nosa comunidade”.

 

Este ciclo terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os D’Abaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor.

 

O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.

 

Este ciclo enmarcase na programación de Concertos do Xacobeo, un evento que espallará música e espectáculo por toda Galicia con 300 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos da comunidade para celebrar un Ano Santo extraordinario.

 

Imaxes relacionadas