A Xunta colabora na mellora ambiental e enerxética do Concello de Ortigueira

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a localidade para comprobar as actuacións levadas a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental do Goberno galego

A achega de 162.239 euros destinouse á mellora dos equipamentos de prevención de incendios, da recollida selectiva de residuos e da iluminación pública

Ortigueira (A Coruña), 20 de xuño de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o Concello de Ortigueira para coñecer as actuacións desenvolvidas nesta localidade ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. A través da iniciativa adquiriuse novo equipamento para a prevención de incendios e para a mellora da recollida selectiva de residuos, así como para unha maior eficiencia enerxética na estrada AC-862. A achega por parte do Goberno galego ascendeu a 162.239 euros.

O equipamento para a prevención de incendios ampliouse coa incorporación dunha nova rozadora de brazo adiantado acoplada a un tractor. Búscase así reforzar a limpeza das pistas forestais, a retirada de restos vexetais tirados polo vento e o acondicionamento de camiños rurais, entre outras actuacións. Por outra banda, a mellora da eficiencia na recollida selectiva dos residuos centrouse na adquisición dun novo vehículo e de 19 contedores amarelos, a prol de facilitar a reciclaxe.

Canto á mellora enerxética da estrada AC-862, substituíronse as luminarias existentes por outras de tipo LED e tamén varios cadros de mando, co obxectivo de reducir o consumo.

Compromiso coa protección do medio

Na súa visita, Natalia Prieto incidiu no compromiso da Xunta cos concellos para a conservación da biodiversidade e a protección do medio natural. Así, neste ano, o Goberno galego investirá 11,3M€ ao Fondo de Compensación Ambiental como “ferramenta fundamental pata contribuír ao desenvolvemento e recuperación sostible dos municipios da Comunidade”, apuntou.

Por outra banda, o concello de Ortigueira resultou beneficiario dunha axuda de máis de 39.000 euros destinada á mellora das instalacións do campo de fútbol de San Claudio ao abeiro da convocatoria deste ano da Orde de Infraestruturas de uso público.

Desde a posta en marcha da iniciativa, no ano 2010, ao concello de Ortigueira concedéronselle máis de 2,2M€ no marco desta liña de axudas. O total de investimento en Galicia ao longo destes once anos superou os 108M€.

Imaxes relacionadas