Máis de 70 bolseiros comezan a súa formación nos arquivos, bibliotecas e museos da Xunta

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades resolve as convocatorias deste ano para as que se destina un investimento global de preto de 700.000 euros


Un total de 20 persoas realizan a partir de xullo o seu labor nos arquivos do Sistema de Arquivos e nos servizos centrais da Consellería de Cultura
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022

Un total de 73 bolseiros comezarán este verán a súa formación especializada nos ámbitos de arquivos, biblioteconomía e museoloxía nos arquivos, bibliotecas e museos da Xunta. En total, o Goberno autonómico destina para todas elas 689.600€ a estas convocatorias, a partir das que os bolseiros comezan a traballar este verán.

No caso dos arquivos, os beneficiarios son un total de 20 persoas que mellorarán a súa empregabilidade e dotarán ao sistema arquivístico galego de traballadores especializados. En total, a Xunta destina nesta convocatoria 114.000 euros, un 6% máis que o ano pasado, algo que permite reforzar a contía mensual que recibe cada un dos beneficiarios.


A partir do 1 de xullo os bolseiros realizarán actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Traballarán tanto en arquivos do Sistema de Arquivos como nos servizos centrais da Consellería de Cultura. Estas bolsas terán unha duración de seis meses, con posibilidade de prórroga por outros seis. Concedéronse en réxime de concorrencia competitiva e na valoración tívose en conta a titulación académica, a formación complementaria e a asistencia a congresos, xornadas e seminarios.


Bibliotecas
Ademais, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar tamén a resolución de bolsas no eido de biblioteconomía. Neste caso destínanse 461.600€ para un total de 33 bolsas de formación que se distribúen en sete para a Biblioteca de Galicia, catro para a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, catro para a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, catro para a Biblioteca Pública de Lugo, catro para a Biblioteca Pública de Ourense Nós, catro para a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, cinco para a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e unha para a Biblioteca Pública Municipal de Ferrol.

Neste caso, xa están a comezar a incorporarse. Formaranse no uso e tratamento dos fondos bibliográficos, a atención aos usuarios e a planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios. As bolsas contarán cunha parte teórica e outra práctica que será titorizada por persoal técnico bibliotecario baixo a coordinación da Consellería de Cultura.

Museos
A eles súmanse a vintena de bolseiros que se integran desde este mes de xuño nos museos de xestión autonómica de Galicia, máis do dobre con respecto ao ano anterior. A listaxe de beneficiarios, publicada tamén do DOG, ten un orzamento global de 114.000 euros. As actividades formativas que van desenvolver inclúen traballos de documentación, con prácticas de rexistro, inventario e catalogación das pezas, e de difusión, con preparación de exposicións e material divulgativo, busca de información e preparación e realización de visitas guiadas, participación e colaboración en obradoiros e outras accións.


Tamén se forman en didáctica, preparación e elaboración de fichas e atención a usuarios. O obxectivo é proporcionarlles unha formación teórico-práctica que contribúa a completar o currículo académico.

Os museos nos que se incorporan son o Museo das Peregrinacións e de Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e no Museo da Catedral de Santiago, todos en Compostela. Tamén no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Museo Massó (Bueu) Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei), Museo Etnolóxico de Ribadavia e Museo do Viño de Galicia ambos en Ribadavia, así como no Museo de Belas Artes da Coruña.


Con estas convocatorias, o Goberno autonómico dá continuidade ao seu compromiso por reforzar a profesionalización e especialización en todos os eidos da cultura.
 

Imaxes relacionadas