A Xunta licita obras de mellora da eficiencia enerxética no centro sociocomunitario da Pobra do Caramiñal

Actuarase en elementos da fachada do inmoble e o investimento previsto ascende a 306.000 euros

As empresas interesadas teñen ata o vindeiro día 6 de xullo para presentar as súas ofertas e o prazo de execución dos traballos é de dous meses desde o inicio dos mesmos
 

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 19 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia vén de licitar traballos de mellora no centro sociocomunitario da Pobra do Caramiñal por un montante de 306.000 euros. Esta actuación enmárcase no plan de obras da Consellería de Política Social e Xuventude para o aumento da eficiencia enerxética dos centros de servizos sociais de titularidade autonómica.

 

A intervención prevista centrarase en elementos da fachada do inmoble e, basicamente, consistirá na substitución das carpinterías exteriores por outras máis modernas de aluminio dotadas de rotura de ponte térmica e vidros dobres con control solar. Tamén se modificarán as luminarias do inmoble e se reforzará o cadro eléctrico.

 

As empresas interesadas en facerse con este contrato teñen ata o vindeiro día 6 de xullo para presentar as súas ofertas. O prazo previsto de execución dos traballos é de dous meses desde o inicio dos mesmos.

 

Con estas actuacións, o centro sociocomunitario da Pobra incrementará as súas condicións de illamento, xa que se reducirá tanto o risco de aparición de humidades como de condensacións. Isto contribuirá a mellorar a comodidade e o benestar das persoas residentes e do persoal que atende este servizo.