A Xunta levará a cabo mañá e o martes probas de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 32 presas galegas

A proba, que non afectará á actividade diaria da veciñanza, servirá para comprobar o sistema de aviso acústico que se activaría en caso de ruptura

O Goberno galego reforza con este exercicio a súa aposta pola prevención ante calquera emerxencia

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia ten previsto realizar mañá luns e o martes, días 20 e 21 de xuño, unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas a un total de 32 presas con Plan de Emerxencia.

 

En total, durante a proba sonora activaranse máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio coa colaboración dos titulares das infraestruturas, isto é, Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa) e Augas de Galicia.

 

Tamén participará persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda así como membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

 

Así mesmo, activaranse as catro sirenas adscritas ao plan de emerxencia exterior da balsa de lodos vermellos, situada en Xove.

 

O primeiro sinal de aviso audible será a partir das 09,00 horas, do luns día 20 augas abaixo da presa de Salas, en Muíños e a partir desa hora as probas desenvolveranse ata as 16,30 horas na presa dos Peares. Ao día seguinte, o martes 21 de xuño, retomáranse as probas, que comezarán ás 09,00 horas na presa de Vilgaduin, en Tordoia, e rematarán ás 15,00 horas na presa de Belesar.

 

Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia.