O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantiveron un encontro co presidente desta entidade

A Xunta e a Federación Española de Industrias Lácteas fan balance das medidas implementadas ao abeiro da estratexia de dinamización do sector lácteo galego

José González destacou que o pasado mes de abril (último do que se teñen datos) o prezo medio do leite en Galicia superou por primeira vez os 40 céntimos por litro, cun incremento de case un 25% respecto ao mesmo mes do ano anterior e de ata un 26% en relación co mesmo período de 2020

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias José Balseiros, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Federación Española de Industrias Lácteas, Ignacio Elola. Esta reunión supuxo unha continuación da rolda de contactos aberta pola Xunta co sector lácteo para facer balance das medidas implementadas ao abeiro da Estratexia de dinamización do lácteo galego, posta en marcha a finais de 2020.

 

No seu encontro co responsable da patronal leiteira, o conselleiro puxo en valor os avances na rendibilidade dos gandeiros que entregan leite ás empresas que forman parte dela, grazas á suba do prezo que se lles paga polo litro de leite. Nesa liña, González destacou que o pasado mes de abril (último do que se teñen datos) o prezo medio do leite en Galicia superou por primeira vez os 40 céntimos por litro, o que supón un incremento do 25% respecto a abril de 2021 e de ata un 26% en relación co mesmo período de 2020. Isto, sinalou o conselleiro, redunda no beneficio dos gandeiros, que cada vez perciben máis por un produto referente a nivel non so de Galicia, senón tamén en toda España e no eido internacional.

 

Nesa mesma liña, o titular de Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta a prol da consolidación do sector leiteiro, freando a venda a perdas a través de medidas como a aplicación Conta Láctea, implementada o pasado verán. Esta aplicación supón un avance na profesionalización do sector, xa que permite estudar a situación do sector e das propias empresas, así coma facilitar a xestión das súas explotacións co obxectivo de mellorar a posición negociadora dos gandeiros.

 

A maiores, recordou o chamamento ao Goberno central para que -ao igual que fixo a Xunta co sector da carne- impulse co sector leiteiro un gran acordo a nivel estatal entre toda a cadea de valor, coa finalidade de garantir que cada un dos elos percibe un prezo xusto polo produto de cara a asegurar a rendibilidade do sector en xeral e dos gandeiros en particular, xa que estes son, en palabras do conselleiro, o axente máis vulnerable da cadea. 

 

Neste mesmo sentido, González lembrou que o Goberno galego está facendo os seus deberes mediante a Estratexia de dinamización do sector lácteo no marco dos eixes prioritarios relativos á produción, á industria, á cadea de valor, aos mercados e á formación e innovación. Estas medidas compleméntanse con outras coma a Lei de recuperación da terra agraria e o Plan de Pastos, que permiten aumentar a base territorial das explotacións para incrementar a súa competitividade.

Imaxes relacionadas