Este novo fito na execución do novo hospital marca o comezo dunha etapa de grande esixencia técnica

Comeza a construción da torre de hospitalización do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, un cambio completo na fisionomía do edificio

A edificación modifica agora totalmente a súa xeometría e o sistema estrutural, que pasará da forma rectangular das plantas inferiores á característica ‘Z’ da torre de hospitalización, que ocupará os andares 5º e 9º

O Gran Montecelo comezará a mostrar a súa faciana máis personalizada, que perpetuará e caracterizará a visión do edificio desde o exterior, sendo o primeiro hospital galego de Galicia con este deseño

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2022 A obra do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, vén de iniciar nova fase de alta esixencia técnica na súa construción, na que o edificio cambia por completo a súa xeometría e o sistema estrutural. Esta nova etapa na execución supón un novo fito neste proxecto estratéxico da Xunta, co inicio da construción da torre de hospitalización, que mudará por completo a fisionomía do edificio.

 

Deste xeito, a execución das obras entran na fase na que o novo edificio cambia de xeometría e pasa da forma rectangular que adoptan os andares inferiores (soto, planta baixa, primeira, segunda, terceira e cuarta), á forma de ‘Z’, que lucirá a torre de hospitalización nos cinco andares superiores, do quinto ao noveno. A actuación entra así nunha fase transcendente, xa que o cambio de xeometría esixe unha transformación radical no sistema estrutural do edificio.

 

As obras do Gran Montecelo cumpriron en maio un ano de execución e están a desenvolverse nos prazos previstos, tras o desvío do gasoduto e a entrada en servizo das súas redes dun quilómetro de lonxitude, e o remate dos traballos da estrutura de basamento.

 

Isto permite iniciar nas vindeiras semanas a construción da torre de hospitalización, despois de terse finalizada a cimentación de dúas das tres ramas da ‘Z’, na que só resta a da zona máis próxima ao hospital actual. O proxecto chega así ao seu punto de inflexión, o do cambio disruptivo de deseño entre as plantas inferiores e as superiores.

Co inicio da construción da torre de hospitalización, o Gran Montecelo comezará a mostrar unha das súas pegadas máis personalizada, a da disposición en ‘Z’ que perpetuará e caracterizará a visión do edificio desde o exterior. Será o primeiro hospital de Galicia con este peculiar deseño arquitectónico, nun sector asistencial no que predominan as formas rectangulares cunha torre en vertical ou varias unidas por pasarelas.

A este respecto cabe destacar que o deseño arquitectónico cobra tamén protagonismo no proxecto de construción do Hospital Público Gran Montecelo, xunto coa funcionalidade e a eficiencia tan características das construcións hospitalarias de nova xeración. Nesta actuación, a imaxe e a proxección exterior teñen peso e definen un estilo de edificación que se desmarca e que rompe cos estereotipos existentes dentro do ámbito sanitario.

A técnica de grandes pontes e de aeroportos

O sistema polo que se optou nesta obra de legado, que vai converter á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en gran referente de modernidade e vangarda, recibe o nome de “lousa de transición postesada”. Esta solución técnica emprégase habitualmente en pontes de grandes vanos e, en edificación, en espazos de moitas e amplas luces, como aeroportos, centros culturais, recepción de hoteis ou edificios nos que prima a arquitectura moi visual.

 

A principal vantaxe do postesado é que resolve situacións de distancia entre piares ou de cargas que non están na mesma vertical, como é o caso da obra do Hospital Público Gran Montecelo. Na planta quinta prodúcese un cambio na disposición da retícula dos piares, que deben adaptarse á nova forma en ‘Z’ do edificio, partindo da disposición rectangular dos andares inferiores, e tamén á distribución das habitacións na torre de hospitalización, a partir dun corredor central funcional.

 

Deste xeito, no quinto andar, o sistema estrutural do edificio cambia por completo. Coincide co que tecnicamente se denomina “nivel de transferencia”, xa que é o punto no que a carga dos piares das plantas superiores se transfire aos dos andares inferiores, que non están na mesma vertical.

 

A desviación desas elevadas cargas faise cunha lousa especial, de maior dimensión do habitual. No caso concreto do Gran Montecelo terá máis do dobre de canto habitual en edificación. Este forxado pasa a actuar en realidade como unha segunda cimentación do edificio. De xeito adicional, uns grandes voadizos recibirán a carga dos andares superiores, xerando unha configuración arquitectónica na que a torre de hospitalización sobrevoa con respecto aos niveis inferiores.

 

A diferenza do armado convencional, a técnica do postesado consegue darlle precompresión ao formigón, para que resista os esforzos e cargas. Ademais, permite unha maior velocidade de execución e mellora a seguridade, coa vantaxe engadida de máis control das deformacións e fisuracións do formigón. Tamén reduce o peso do edificio, ao empregar menores espesores de forxados.

 

O sistema de postesado baséase na introdución duns cables de aceiro que, estirados coa suficiente forza, contrarrestan parte dos esforzos xerados polas cargas do edificio. É dicir, consiste en introducir cables que se “tesan” ou tensan antes da retirada dos encofrados. Trátase dun método tecnoloxicamente moi avanzado para que os materiais traballen a súa máxima capacidade.

Hospital Público Gran Montecelo

O Goberno galego continúa progresando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e a súa área dun hospital de referencia.

 

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.  

 

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

Imaxes relacionadas