A Xunta resalta o exemplo de Robert Langer para as novas xeracións de investigadores e investigadoras

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron no acto de entrega da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ao científico estadounidense, cuxos traballos sentaron as bases para o desenvolvemento de terapias con ARN

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron hoxe no acto de entrega da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a Robert Langer, investigador do Koch Institute for Integrative Cancer Research no Massachusetts Institute of Technology (MIT).

 

Na súa intervención, Conde resaltou que Robert Langer, que xunto co seu equipo sentou as bases para o desenvolvemento de terapias con ARN, clave para loitar contra a
covid-19, abriu un camiño que inspira en todo o mundo o traballo de novas xeracións de investigadores e investigadoras.

 

O vicepresidente primeiro apuntou que, se non fose pola rápida reacción de toda a comunidade científica, as consecuencias serían moito peores, apuntando que a ciencia é clave tamén para facer fronte a outros retos que emprazan a administracións e sociedade a facer unha decidida aposta pola I+D+i: a transición ecolóxica, o cambio climático ou o envellecemento activo.

 

Conde quixo tamén destacar no acto a figura de María José Alonso, apuntando que o exemplo de profesionais coma ela axudan no obxectivo de impulsar o binomio muller e ciencia, para seguir incorporando talento feminino na carreira investigadora.

 

Imaxes relacionadas