A Xunta pon en valor a importancia de dar a coñecer os dereitos da infancia para velar polos seus intereses

Destacou a sensibilización como acción chave para protexer e defender aos máis pe-quenos

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

  O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo en valor hoxe a importancia de dar a coñecer os dereitos da infancia para velar polos seus intereses. Fíxoo durante o seu encontro coa Plataforma de Organizacións de Infancia e tamén na súa posterior asistencia á inauguración da exposición fotográfica Non nos xulgues, organizada pola asociación Igaxes de loita contra os estigmas que recaen sobre os menores tutelados pola Administración.

 

A exposición, que estará aberta ata o 23 de xuño na Alameda de Santiago, presenta un conxunto de fotografías e textos que reflicten as inquedanzas e realidades dalgúns destes mozos e mozas. Conta coa colaboración do fotógrafo Fuco Reyes e do narrador Quico Cadaval.

 

Durante a inauguración, na que participaron tamén dous dos protagonistas da exposición, Jacobo Rey valorou positivamente estas iniciativas para a inclusión de todos os menores, sexa cal sexa a súa situación, e lembrou a necesidade de evitar caer en prexuízos que repercutan negativamente sobre os nenos máis vulnerables.

 
Encontro coa POI

Con anterioridade esta mañá, o director xeral participou tamén nun encontro coa Plataforma de Organizacións de Infancia (POI). Nel recibiu un documento conxunto de máis dunha decena de entidades, que recolle as súas inquedanzas para mellorar a atención dos menores e garantir os seus dereitos.

 

Ante estas demandas, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica subliñou a sensibilidade do Goberno galego coa garantía dos dereitos dun colectivo cunha especial protección como é o dos menores. Neste sentido, Jacobo Rey agradeceu o convite da POI e as peticións formuladas, e destacou a colaboración da Xunta de Galicia co terceiro sector como chave estratéxica para avanzar neste eido.

Imaxes relacionadas