A Xunta informa favorablemente sobre a modificación puntual do PXOM de Pontevedra para integrar na trama urbana dous ámbitos da cidade

O cambio urbanístico promovido polo Concello afecta á zona das avenidas xeneral Antero Rubín e María Victoria Moreno e ao ámbito de Mollavao Norte

O informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en todo caso, está condicionado a que o documento se adapte ás consideracións achegadas por algúns dos organismos consultados sobre a modificación urbanística
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia acaba de informar favorablemente sobre a modificación puntual do PXOM de Pontevedra promovida polo Concello co obxectivo de mellorar a integración na trama urbana do ámbito integrado polas avenidas xeneral Antero Rubín e María Victoria Moreno e a zona de Mollavao Norte.

 

En todo caso, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) conclúe que o sentido favorable do seu informe está condicionado a que se cumpran as indicacións dalgún dos organismos sectoriais consultados no marco da tramitación urbanística. Esta adaptación non suporá introducir cambios de calado no documento.

 

Deste xeito, o departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pronúnciase sobre a modificación urbanística promovida polo Concello pontevedrés. O obxectivo principal do cambio proposto no PXOM é mellorar a actual trama urbana da cidade, convertendo estas dúas áreas en espazos plenamente integrados na zona residencial urbana na que se insiren.

 

A tal fin, preténdese incrementar os espazos públicos libres, mellorar a articulación das zonas residenciais e crear novas dotacións públicas tendo en conta que, nestes momentos, tanto o ámbito conformado polas dúas avenidas como Mollavao Norte son espazos pechados e illados do seu entorno debido ao sentido antigo carácter militar.

 

En concreto, o ámbito integrado polas avenidas xeneral Antero Rubín e María Victoria Moreno abrangue unha superficie de máis de 24.000 metros cadrados no que se prevé modificar o uso residencial actual, vinculado ao padroado de casas Militares por outro de edificación aberta así como a creación dun espazo de aparcamento para residentes e usos comerciais, entre outras cuestións.

 

Así mesmo, no caso so ámbito de Mollavao Norte, un ámbito de algo máis de case 5.400 metros cadrados, a modificación do PXOM proposta ten como fins principais cambiar o uso e a tipoloxía de vivenda unifamiliar por un uso residencial colectivo intensivo, a creación dunha praza pública aberta á rúa Rosalía de Castro que actúe como espazo centralizador do solo urbano circundante e a ampliación de espazos libres e zonas verdes públicas.

 

Cómpre lembrar que o pleno municipal de Pontevedra aprobou provisionalmente esta modificación o pasado mes de febreiro, remitindo o documento en abril á DXOTU para que emitira o informe urbanístico correspondente.

 

Deste xeito, tras a emisión no seu día do informe ambiental estratéxico polo procedemento simplificado e unha vez realizada a proposta de informe favorable condicionado por parte do departamento de Urbanismo, a Xunta dá por concluído o seu papel na tramitación desta modificación puntual, pendente tan só agora de que o Goberno local faga as adaptacións sinaladas e achegue algúns documentos ao expediente antes de proceder á súa aprobación definitiva.

Imaxes relacionadas