A Xunta colabora na mellora enerxética do local social da asociación de veciños de Pardavila, en Marín

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as instalacións para comprobar as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

A achega de 12.000 euros destinouse ao cambio de portas e ventás, a prol do benestar das persoas usuarias
 

Marín (Pontevedra), 17 de xuño de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, o local social Juan XXIII da asociación de veciños de Pardavila, no concello de Marín, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas co apoio da Xunta. A achega ascendeu a 12.000 euros e centrouse en actuacións destinadas a potenciar o benestar das persoas usuarias.

A través da iniciativa cambiáronse fiestras e portas nas instalacións, o que permitiu mellorar os elementos estruturais da fachada e o illamento acústico sen alterar a estética orixinal. A medida vai favorecer tamén o aforro enerxético e a seguridade do edificio. O proxecto desenvolveuse ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Na súa visita, Natalia Prieto puido comprobar de primeira man as melloras realizadas no centro social coa achega do Goberno galego. No percorrido polas instalacións, salientou a relevancia destes espazos de lecer e convivencia veciñal, xa que permiten a realización de múltiples actividades culturais, sociais e formativas.

Incremento orzamentario

A directora xeral de Administración Local recordou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. O reforzo encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

Os investimentos poden ir destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e á compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas