O presidente da Xunta interveu na Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño

Rueda fai un chamamento a aproveitar o liderado forestal de Galicia en España e subliña o obxectivo de que o sector da madeira acade os 2.700 M€ de facturación en 2022

Destaca que somos potencia na xeración de materia prima, na creación de riqueza e emprego e na capilaridade da propiedade forestal, como amosa o dato de que unhas 80.000 familias viven directa ou indirectamente do monte


Tende a man ao sector en todos os eidos, con iniciativas como o Inventario Forestal e o Observatorio Forestal

Durante o acto o xerente do Sergas recolleu o recoñecemento como socio honorífico do Clúster da Madeira ao Servicio Galego de Saúde polo labor que está a realizar adaptando os centros sanitarios en lugares biofílicos
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.

- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fai un chamamento a aproveitar o liderado forestal de Galicia en España e subliña o obxectivo de que o sector da madeira consiga chegar aos 2.700 millóns de euros de facturación en 2022.

 

O titular do Goberno galego participou na Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño, onde incidiu en que Galicia ten que valerse do potencial sustentable do noso territorio, xa que o 70% da nosa superficie é forestal. Nese sentido, lembrou que somos potencia na xeración de materia prima, na creación de riqueza e emprego e na capilaridade da propiedade forestal, como amosa o dato de que unhas 80.000 familias viven directa ou indirectamente do monte.

 

A Xunta xa está traballando a medio e longo prazo a través do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, coa previsión de alcanzar en 2040 os 12 millóns de metros cúbicos de corta de madeira industrial para responder á demanda crecente de recurso.

 

No inmediato, Rueda explicou que neste ano a meta é achegarse aos 11 millóns de metros cúbicos mediante un crecemento superior ao 7% nas transferencias aos propietarios de montes; un incremento de facturación de toda a cadea dun 8% ata alcanzar os 2.700 millóns de euros anuais; e a consolidación dos 25.000 postos de traballo.

 

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tendeu a man ao sector en todos os eidos, con iniciativas como o Inventario Forestal e o Observatorio Forestal, que se están impulsando para coñecer mellor o noso monte ou a tramitación telemática das cortas e a detección por satélite das mesmas para facilitar e axilizar o traballo dos profesionais.

 

Así mesmo, incidiu na importancia de traballar xuntos para recuperar aquelas especies prioritarias para Galicia, a través de programas estratéxicos como o do castiñeiro, que acaba de recibir o visto e prace do Consello para recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar 16.000 novas ata o 2040. Nos tres vindeiros anos terá un investimento de 22 millóns de euros.

 

Ademais, Rueda destacou que “a innovación, a formación, a cooperación e a competitividade sustentan a nosa Axenda de impulso á industria forestal”, que prevé mobilizar 140 millóns de euros mediante un orzamento de máis de 55 millóns para seguir modernizando un dos motores da economía do noso rural.

 

Finalmente, falou da necesidade de captar investimentos e referiuse ao papel activo da Xunta na promoción de novos proxectos tractores que dinamicen o rural, aproveitando a panca dos fondos europeos Next Generation. Neste sentido, referiuse ao traballo que se está levando a cabo para implantar unha fábrica de fibras téxtiles sostibles en Palas de Rei da man da compañía Altri, sen perder de vista outros asuntos que preocupan ao sector, como a aportación dunha iniciativa viable e legal para defender os postos de traballo da planta de ENCE en Lourizán.

 

Durante o acto tamén se fixo entrega do galardón co que se recoñece ao Servicio Galego de Saúde polo labor que está a realizar adaptando os centros sanitarios en lugares biofílicos.

 

O xerente do Sergas que foi quen recolleu a distinción, agradeceu e expresou a vontade de continuar a empregar a madeira nas construcións e reformas futuras dos centros sanitarios galegos, tal e como acontece nas iniciadas no Porriño, Abegondo, Antas de Ulla e Moaña, ou no futuro Centro Integral de Saúde de Ourense.

 

Así, puxo en valor o papel fundamental que xoga este material no obxectivo común de acadar un entorno máis sostible e respectuoso co medio ambiente, salientando ademais a súa contribución á hora de mitigar os efectos do cambio climático. 

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta