O conselleiro do Medio Rural clausurou o XI Foro Galis, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos

A Xunta destaca que Galicia é lider nacional na produción de pensos compostos para o gando bovino

José González sinalou que para manter esta importante actividade resulta fundamental afrontar con éxito os retos que se lle presentan ao sector gandeiro e conseguir que os prezos da carne e do leite aumenten para cubrir custos de produción

Destacou as medidas da Xunta para apoiar este eido produtivo, entre elas as estratexias sectoriais do leite e da carne, así como as axudas xestionadas polo seu departamento, que suman arredor de 300 millóns anuais para explotacións e industrias

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022 En Galicia prodúcense máis de tres millóns de toneladas anuais de pensos compostos para a alimentación do gando, que se suman aos pensos industriais e aos de autoconsumo. A metade desta produción vai para o sector bovino, no que a nosa comunidade é líder nacional, e o resto para porcino e aves.

 

Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa intervención na clausura da undécima edición do Foro Galis, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), que tivo lugar en Santiago de Compostela e ao que tamén asistiron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

 

O conselleiro sinalou que para manter esta importante actividade resulta fundamental afrontar con éxito os retos que se lle presentan ao sector gandeiro e -especialmente nestes momentos- conseguir que os prezos en orixe da carne e do leite aumenten para cubrir os custos de produción. E lamentou que a lei estatal da cadea alimentaria non dea ferramentas aos gandeiros para que isto se cumpra.

 

Por iso, engadiu González, a Xunta dirixiuse ao Ministerio de Agricultura para que tome as medidas precisas para evitar a venda a perdas. Entre outras cousas, solicitouse que a aplicación Conta Láctea servise como fonte válida para acreditar os custos de produción ou ben que recoñeza outras aplicacións ou instrumentos que sexan efectivos para o sector cárnico e lácteo.

 
Apoio ao sector

Ademais, conselleiro debullou as diferentes medidas desenvolvidas pola Xunta para apoiar o sector. Entre elas, puxo en valor especialmente as estratexias de dinamización do lácteo, xa en aplicación, e da carne, da que -dixo- sairán medidas concretas definidas por todos os axentes da cadea de valor.

 

Dentro da Estratexia do lácteo, González puxo en valor a súa aposta por un sector industrial galego forte e centrado nos produtos de alto valor engadido. Nel, salientou o papel dos fabricantes de pensos compostos, que definiu como esenciais na rendibilidade das explotacións agrarias.

 

Ademais, o titular de Medio Rural indicou que a aposta de Agafac pola calidade da alimentación animal dá resposta a unha das grandes transformacións que a sociedade demanda da industria e do sector agrolimentario, que non é outra que producir leite e carne de calidade, coas maiores garantías hixiénico-sanitarias.

 

Nesta liña, José González sinalou que a Xunta colabora co sector a través de diversas vías, entre elas xestionando diferentes axudas. Así, destacou que dende a Xunta se conceden anualmente achegas por importe duns 300 millóns de euros, contabilizando tanto as da PAC como as destinadas a plans de mellora, á incorporación de mozos ou ás industrias agroalimentarias. Son axudas ordinarias, dixo conselleiro, que se suman a outras con carácter extraordinario como as habilitadas para o vacún de carne durante a pandemia ou as previstas para paliar as consecuencias económicas da invasión rusa de Ucraína.

Imaxes relacionadas