O conselleiro do Medio Rural mantivo unha reunión con este colectivo

A Xunta explica o informe sobre custos de produción no sector da carne a representantes da industria

Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que está levando a cabo a Consellería cos diferentes axentes do sector para abordar a situación de venda a perdas neste eido produtivo

José González insistiu na necesidade do cumprimento da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria para asegurar a viabilidade económica das explotacións e lembrou que a Xunta vai complementar as axudas directas ao vacún de carne aprobadas polo Goberno Central, que cualificou como insuficientes

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión con representantes da industria para presentarlles o informe sobre custos de produción no sector da carne, elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

 

González explicoulles aos asistentes que o estudo constata a situación xeneralizada de venda a perdas que se está a dar no sector de vacún de carne e máis concretamente en granxas de Ternera Gallega Suprema. Segundo este documento, o prezo mínimo estimado para cubrir o custo de produción neste eido é de 6,20 euros / quilo canal e os prezos percibidos actualmente por produtores de Ternera Gallega Suprema oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros / quilo canal. Polo tanto, sinalou o conselleiro, existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para poder cubrir os seus custos de produción e o que realmente cobran.

 

O conselleiro salientou que estes resultados estanse trasladando aos asinantes do protocolo da cadea de valor da carne para que dispoñan de datos concretos sobre a situación actual. Desta maneira, a xuntanza de hoxe súmase á celebrada coas organizacións profesionais agrarias, cos membros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema e coa distribución.

 

Neste senso, José González insistiu en que a primeira medida inmediata para manter e asegurar a viabilidade económica das explotacións agropecuarias pasa por dar cumprimento á Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, que obriga a establecer prezos xustos aos produtos na súa venda. Na mesma liña lembrou, como xa fixo esta mesma semana no Parlamento, que a Xunta vai complementar as axudas directas ao vacún de carne aprobadas polo Goberno Central, que cualificou de novo como insuficientes.

 

O titular de Medio Rural advertiu que, tendo en conta os resultados deste informe, faise necesario valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda e que este aumento repercuta nos prezos que reciben os gandeiros. En prol de lograr estes obxectivos, o conselleiro puxo en valor os esforzos e os traballos da Xunta a través de diferentes iniciativas. Entre elas salientou, precisamente, o acordo histórico na cadea de valor do vacún de carne, e máis concretamente en Ternera Gallega, para frear a venda a perdas, un protocolo -lembrou- coordinado polo Goberno galego.

 

Por outra banda, o conselleiro tamén destacou a posta en marcha dunha nova campaña de promoción a nivel nacional para valorizar este produto, que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros por parte da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Ternera Gallega, e que se suma e contribúe á campaña realizada nas redes sociais no pasado Nadal.

 
Paquete de medidas

Durante a xuntanza, José González recordou que a Xunta aprobou e puxo en marcha un completo paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos no sector agrogandeiro e para achegar liquidez ás explotacións. Así, o Goberno galego publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para o anticipo da PAC. Tamén se habilitará unha liña de financiamento de circulante -tamén sen custo financeiro- que permitirá facer préstamos de liquidez para os gandeiros. A maiores, entre outras medidas, demandouse ao Banco de España a concesión dunha moratoria dun ano por parte das entidades financeiras no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.

 

Así mesmo, o conselleiro recalcou o desenvolvemento do observatorio da cadea alimentaria, para loitar tamén contra a venda a perdas, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia. Puxo tamén en valor os labores que se están levando a cabo ao abeiro da Estratexia do sector cárnico, que marcará a folla de ruta do seu futuro.

Imaxes relacionadas