Rueda pon en valor o xornalismo galego como compendio da historia de Galicia e dos acontecementos vitais dos seus cidadáns

O presidente da Xunta participa na inauguración da mostra conmemorativa dos 140 anos de “La Voz de Galicia” na Alameda compostelá

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor o xornalismo galego como compendio da historia de Galicia e dos acontecementos vitais dos seus cidadáns.

 

O titular do Goberno galego participou na inauguración da mostra conmemorativa dos 140 anos de La Voz de Galicia nun acto que tivo lugar na Alameda de Santiago e no que estivo acompañado polo director xeral do xornal, Lois Blanco; polo seu director, Xosé Luís Vilela, e polo alcalde de Santiago de Compostela, entre outros.

 

Rueda celebrou o case século e medio do xornal que foi testemuña directa dos acontecementos máis importantes da Comunidade Autónoma. “Temos aquí resumida a historia de Galicia grazas aos xornalistas que alimentan os anais día a día, ano a ano, década a década”, destacou.

 

Rueda salientou “o compromiso informativo co pobo galego” que leva a cabo a publicación dende hai 140 anos. Neste sentido, resaltou o seu labor xornalístico recollendo a historia que grazas a estes arquivos pode ser consultada por “estudantes e historiadores ou calquera veciño que queira saber un pouco máis sobre as orixes da súa parroquia ou familia”.

 

O presidente da Xunta comparou os 17 cubos que conforman a exposición cunha “enciclopedia” que inclúe momentos históricos de Galicia, dende o primeiro viaxeiro do tren Santiago-Madrid ata a chegada do AVE. A mostra poderá visitarse do 17 ao 30 de xuño no Paseo Central da Alameda de Santiago.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta