A Xunta recibiu xa máis de 70 solicitudes de particulares e de empresas para incorporarse ao selo de Artesanía Alimentaria

O responsable da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, detallou que preto de 50 destas peticións corresponden a particulares e as máis de 20 restantes a empresas

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, deu conta da situación actual da concentración parcelaria de Cartelle, no concello ourensán homónimo
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria recibiu xa máis de 70 solicitudes -tanto de particulares como de empresas- para incorporarse ao selo de Artesanía Alimentaria de Galicia. Así o trasladou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o director xeral desta axencia, José Luis Cabarcos, en resposta a unha pregunta sobre o tema.

 

Cabarcos detallou que a Axencia, adscrita á Consellería do Medio Rural, ten recibido polo de agora 49 solicitudes de carta de artesán mediante declaracións responsables de outras tantas persoas e 23 solicitudes de rexistro correspondentes a empresas artesás da práctica totalidade dos 14 grupos de produción con norma técnica publicada. Ademais, para impulsar a incorporación das empresas e persoas artesáns, desde a Axencia tamén se ten organizado neste ano 2022 un novo paquete de accións de difusión e formación por toda a xeografía galega, que se concreta en máis de 20 xornadas formativas.

 

O director indicou que esta marca de calidade abarca ás verdadeiras producións artesáns, é dicir, aos alimentos de elevada calidade elaborados cunha participación directa e persoal dos artesáns. Son, explicou, as pequenas producións feitas cun uso limitado dos medios mecánicos a partir de materias primas seleccionadas e de calidade, cun uso moi restrinxido de aditivos e cunha presentación senlleira.

 

A publicación das 14 primeiras normas técnicas, o pasado mes de marzo, permitiu que se comezaran a inscribir no Rexistro da artesanía alimentaria as empresas que se dediquen a algunha das actividades ás que se refiren estas normas técnicas. Así, estas normas recollen unha serie de requisitos para garantir a elaboración tradicional e unha coidada presentación, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet. Nos establecementos distribuidores, estes produtos lucirán algún dos distintivos identificadores que se recollen tamén nesta orde, o que facilitará o seu recoñecemento por parte dos consumidores. 

 

Parcelaria de Cartelle

Noutra orde de cousas, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, deu conta -en resposta a outra pregunta- da situación actual da concentración parcelaria de Cartelle, no concello ourensán homónimo. Así, sinalou que se atopa na fase de firmeza de acordo pero que, tras a aprobación da Lei de reforma da Lei Hipotecaria e do Texto Refundido da Lei do Catastro inmobiliario houbo que volver revisar os datos alfanuméricos e gráficos das 3.422 fincas resultantes do proceso de concentración parcelaria, asegurando que esta revisión cartográfica se daría por rematada ao longo deste ano 2022.

 

Así mesmo, Inés Santé explicou que esta revisión de datos se está levando a cabo en moitos máis procesos e que a día de hoxe, a Xunta segue traballando na finalización das 94 parcelarias que están abertas, aclarando que en 58 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas, é dicir, o 62% xa teñen toma de posesión. Precisamente, dáse este caso na concentración parcelaria de Cartelle, que afecta unha superficie total de 1.114 hectáreas e que beneficia 1.123 veciños, os cales xa fan uso das 3.422 parcelas existentes.

Imaxes relacionadas