A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou a casa niño Bolboreta, unha das catro en funcionamento en Ferrolterra

Martina Aneiros destaca na Capela o papel potenciador das casas niño para o emprendemento da muller no rural

A oferta podería verse incrementada coa próxima resolución dunha nova convocatoria da Consellería de Política Social e Xuventude para crear outros 12 novos centros en toda a Comunidade

A representante do Executivo galego apunta a necesidade de reivindicar as posibilidades destas zonas menos poboadas para crecer e crear emprego

A Capela (A Coruña), 17 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial de Política Social e Xuventude, María Blanco, visitaron esta mañá a casa niño Bolboreta, situada na Capela, unha das catro coas que conta a comarca, ademais das de Cerdido, As Somozas e Moeche.

 

As instalacións, rexentadas desde 2018 por Laura Cancio, ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal e fomentan a creación de emprego neste municipio da zona rural. Actualmente cinco nenos e nenas -o máximo permitido- están escolarizados neste centro.

 

Aneiros salientou o papel “potenciador” destes servizos para o emprendemento da muller no rural e apuntou a necesidade de reivindicar as posibilidades destas zonas menos poboadas para crecer e crear emprego.

 

“Hai seis anos que a Xunta concedeu as primeiras axudas para a posta en marcha deste servizo de atención á infancia no rural e, na actualidade, xa son catro as casas niño en funcionamento en Ferrolterra, 89 en toda Galicia”, lembrou Martina Aneiros.

 

Unha oferta que podería verse incrementada coa próxima resolución dunha nova convocatoria da Consellería de Política Social e Xuventude para crear outras 12 novas casas niño e superar así o centenar de centros repartidos por toda a Comunidade.

 

Nesta nova convocatoria, o Goberno galego incrementou nun 10% a axuda anual para as casas niño, de xeito que as súas promotoras recibirán 2.000 euros anuais máis. Este aumento da achega autonómica busca dar resposta á suba dos gastos da luz ou seguros aos que tiveron que facer fronte as responsables destes centros nos últimos tempos. Outra das novidades será que cando cumpran os seis anos en funcionamento, as casas niño recibirán unha axuda adicional de 500 euros para ir renovando o seu equipamento.

Imaxes relacionadas